O BNG de Vigo demanda un plan de tráfico diante da conxestión polas obras e o inicio do curso escolar

adminON
Lectura mínima de 4

Critica a falla de previsión do Goberno de Caballero ante a intensificación do tráfico polo reinicio da actividade lectiva e o maior número de desprazamentos laborais e comerciais

Reclama un cambio no modelo de mobilidade para que as viguesas e vigueses deixen de pasar cada ano máis de 37 horas en atascos

Xabier P. Igrexas: “Vigo pode e debe deixar de ser unha cidade de tráfico caótico, ruidosa e insegura, pero para iso precisamos que o Goberno municipal actúe”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda un verdadeiro plan de tráfico para evitar a conxestión viaria que estes días se está a producir en Vigo. A fronte nacionalista critica a “falla de previsión” do Goberno de Abel Caballero ante o inicio do curso escolar e a intensificación dos desprazamentos por motivos laborais e comerciais, así como pola mala xestión das obras en distintos puntos da cidade.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advertiu que esta saturación de tráfico se pode agravar nos vindeiros días, coa chegada das choivas, se o Concello non reacciona. “É claro que un ano máis as previsións do Goberno local non están a atender debidamente o reinicio da actividade lectiva e laboral”, lamentou, urxindo medidas para facilitar o acceso aos centros educativos e aos principais centros de traballo.

Desde o Bloque sinalaron tamén como causa da conxestión viaria as obras en curso en accesos da cidade e ámbitos con tráfico intenso, como a Avenida de Madrid, a rúa Lepanto ou a contorna de Pintor Colmeiro, entre outros. O voceiro nacionalista reclamou a ese respecto unha maior supervisión dos traballos para axilizar a súa execución, evitando que se convertan nun “calvario” de meses como sucedeu na rúa Teixugueiras, en Navia.

Máis de 37 horas en atascos

Igrexas lembrou que o problema do tráfico na cidade non se limita a estas semanas de setembro, pois as viguesas e vigueses pasan cada ano máis de 37 horas en atascos, segundo o índice elaborado pola empresa TomTom, que sitúa Vigo como a cidade galega con maiores problemas de circulación e a novena peor urbe no conxunto do Estado.

“A saturación viaria é a demostración máis rotunda da necesidade dun cambio no modelo de mobilidade”, afirmou sobre esta cuestión o portavoz municipal do BNG. Unha mudanza que, defendeu, require dunha “mellora substancial” no servizo de autobús, coa recuperación das máis de 250 frecuencias recortadas desde 2019.

Outras medidas propostas polo Bloque pasan por despregar un sistema de preferencia semafórica que facilite o paso áxil do transporte urbano, así como habilitar aparcamentos disuasorios nos accesos da cidade, conectados con lanzadeiras de bus. “Temos que reducir o brutal impacto que ten a entrada de máis de 90 mil vehículos diarios”, remachou Igrexas, asegurando que Vigo “pode e debe deixar de ser unha cidade de tráfico caótico, ruidosa e insegura” se o Goberno municipal actúa.

Comparte este artigo