HomePontevedraO BNG de Vigo demanda unha liña directa de bus co aeroporto...

O BNG de Vigo demanda unha liña directa de bus co aeroporto de Peinador

- Anuncio -spot_img

Reclama a Concello e Xunta que cooperen para que a cidade conte con servizo de transporte exprés á terminal, diante das “insuficientes” frecuencias da única liña

Xabier P. Igrexas: “É inexplicábel que teña case unha mellor conexión dende Vigo co Sá Carneiro que o propio aeroporto da cidade”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda unha liña directa de autobús en Vigo que conecte co aeroporto de Peinador. A fronte nacionalista reclama a Concello e Xunta que cooperen para que a cidade conte con servizo de transporte exprés á terminal, como teñen o resto de aeroportos galegos.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou que a liña A, a única que conecta na actualidade co aeroporto vigués, en realidade é un autobús urbano “que pasa por Peinador”. Denunciou que o número de frecuencias é “absolutamente insuficiente”, con 30 frecuencias en días laborábeis que se reducen a 22 en domingos e festivos.

“É todo un síntoma dunha anomalía que cómpre rectificar”, asegurou. Unha liña directa de bus que dende o Bloque piden que se coordine cos horarios da oferta aeroportuaria de Peinador, e que se conecte con outras modalidades de transporte como as estacións de tren, de transporte marítimo de Ría e coa terminal de buses interurbanos.

Alertou ademais da “saturación” que se rexistra na actual liña A, con persoas amoreadas a determinadas horas do día cando se xuntan veciñas e veciños que viven no percorrido da liña con viaxeiras e viaxeiros que se dirixen a Peinador. Co “agravante”, subliñou, de que Vitrasa acabou por retirar os autobuses que contaban con portamaletas, xerando unha inda maior masificación.

Igrexas cualificou tamén de “inexplicábel” que o aeroporto Sá Carneiro, na cidade portuguesa de Porto, teña hoxe case mellores conexións de autobús dende Vigo que a propio terminal da cidade. Nese sentido, considerou “chave e estratéxica” esta medida para reforzar precisamente o papel de Peinador para que sexa o aeroporto de referencia do sur de Galiza e do conxunto da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. 

Publicacións Relacionadas