Tacha de “preocupante” que o Goberno de Caballero anunciara a paralización do procedemento cun documento de dúas liñas e sen ningunha aclaración sobre os motivos
Chama a estudar a remunicipalización diante das dificultades para licitar unha nova xestión privatizada que “vai hipotecar 9 anos máis cun servizo deficiente e insuficiente”
Xabier P. Igrexas: “Non se poden escusar alegando á complexidade dun contrato que o Concello tivo moito tempo para preparar”
VIGO, 29 de setembro 2026.- O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de esixir a convocatoria extraordinaria e urxente da Xunta de Portavoces para que o Goberno local explique os motivos da “estraña suspensión” da licitación do bus urbano de Vigo. Así o demandou en rolda de prensa o seu voceiro municipal, Xabier P. Igrexas, despois de que se anunciase a suspensión este pasado luns na Plataforma de Contratación do Estado.
Igrexas tachou de “sorprendente e moi preocupante” que se paralice este procedemento cun documento de dúas liñas e sen ningunha aclaración nin fundamentación legal sobre os motivos. Cuestionou tamén que non se teña constancia de quen tomou a decisión no seo do Goberno de Abel Caballero, xa que o documento está asinado só pola xefa de servizo. Cuestións que, advertiu, colocan un contrato de 470 millóns de euros nunha situación de “absoluta inseguridade xurídica e no risco de nulidade”.
O portavoz nacionalista considerou “especialmente anómalo” a nivel administrativo que se suspenda a licitación nun punto tan avanzado, cando xa se recibiu o informe de valoración do sobre B, relativo á proposta técnica por parte das empresas aspirantes, e xa se coñece a proposta económica recollida no sobre C. Subliñou a ese respecto que a necesidade de aclaracións sobre as ofertas, alegada polo Goberno local en resposta á prensa, non precisa da suspensión da licitación, tal e como xa ocorrera en febreiro deste ano no mesmo procedemento.
Incumprimento dos prazos
Dende o Bloque cualificaron de “escusa” que o Goberno de Caballero fale da complexidade do contrato, lembrando que “tivo moito tempo para preparalo” desde a última prórroga da concesión en 2020. Un procedemento que, sinalou Igrexas, estivo marcado dende o inicio polo incumprimento dos pasos administrativos, chegando a superar até en 11 veces o prazo para a emisión dun informe.
Nese sentido, dende a fronte nacionalista apuntaron tamén ao feito “irregular” de que a suspensión non se teña informado na Mesa de Contratación, que se reuniu por última vez o 17 de xullo para esta licitación, e que tampouco figure como asunto a tratar na orde do día da vindeira sesión prevista para o 1 de outubro.
O portavoz municipal do BNG esixiu máxima transparencia e anunciou a solicitude de acceso a toda a documentación e información relativa á suspensión do que sería o segundo maior contrato do Concello, cun valor estimado de 470 millóns de euros. “O Goberno municipal debe aclarar que está a pasar, para non alimentar rumores nin desinformacións que poidan alterar o procedemento de contratación”, afirmou en referencia ás insinuacións do grupo municipal do PP sobre posíbeis prácticas colusorias.
Remunicipalización
Igrexas chamou a abordar co “máximo rigor, seriedade e responsabilidade fronte ao regate en curto doutros” o futuro do bus urbano como servizo público esencial para a veciñanza. Nesa liña, chamou a estudar a posibilidade de remunicipalizar o servizo en vistas a que a licitación “se lle está a atragoar ao Goberno de Caballero”.
Unha medida defendida durante os últimos anos polo BNG fronte á nova privatización do transporte urbano que, insisten, “vai hipotecar a cidade con nove anos máis dun servizo deficiente e insuficiente”, cuns pregos que manteñen o mesmo mapa de liñas e número de buses do actual contrato. “A fin da concesión nefasta de Vitrasa é unha oportunidade para dotar a Vigo dun autobús á altura da maior cidade de Galiza: con máis frecuencias, mellores horarios, un novo mapa de liñas , tarifas máis baixas e unha verdadadeira conexión intermodal”, reiterou.
Para Igrexas esta situación abre a posibilidade de evitar unha “equivocación histórica” para converter o servizo de bus na “pedra de toque” dun modelo de mobilidade alternativo en Vigo para avanzar cara a unha cidade máis verde, habitábel, saudábel e segura.

