Reclama que o Concello realice inspeccións nas 2.400 vivendas de uso turístico (VUT) rexistradas en Vigo e demande á Xunta que actúe contra as que incumpren a normativa
Advirte que durante tramitación da ordenanza municipal que regulará as VUT, que vén de iniciar a súa elaboración, non pode manterse a “barra libre”
Xabier P. Igrexas: “A política de ‘deixar facer e ollar para outro lado’ do Goberno de Abel Caballero permitiu que nos últimos cinco anos se sumasen 2 mil novos pisos turísticos, facendo que hoxe haxa 5 por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro residencial”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixiu hoxe que o Concello de Vigo realice inspeccións urbanísticas nas máis de 2.400 vivendas de uso turístico (VUT) rexistradas na cidade para garantir que cumpren a normativa en materia de habitabilidade, accesibilidade e seguridade. Nunha resposta no Consello da Xerencia de Urbanismo, celebrado esta mañá, a concelleira María José Caride recoñeceu, ante unha interpelación do BNG, que o Concello non está a realizar inspeccións nestes pisos nin cotexa co rexistro autonómico se contan co título habilitante preceptivo.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, denunciou que a “política de deixar facer e ollar para outro lado” do Goberno de Abel Caballero permitiu a proliferación de 2 mil novos pisos turísticos nos últimos cinco anos, agravando a crise de acceso á vivenda en Vigo.
Ausencia de controis
A falta de fiscalización municipal permitiu que Vigo alcance unha proporción de 5 pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro residencial, un feito que o BNG considera a “principal causa do gravísimo problema do acceso social á vivenda”.
A concelleira Caride admitiu que o Concello non verifica se as máis de 2.400 VUT cumpren as condicións urbanísticas nin se todas as rexistradas no rexistro autonómico rexistraron a declaración de actividade a nivel municipal, evidenciando unha xestión “neglixente” que favorece o fenómeno ultraespeculativo dos pisos turísticos.
Igrexas celebrou que, tras anos reclamándoo o BNG, o Goberno municipal veña de iniciar a elaboración dunha ordenanza reguladora dos pisos turísticos. No entanto, advertiu que esta medida non pode ser unha “pantalla de fume” para manter a inacción. “Non podemos aceptar que durante a tramitación desta norma, que xa chega tarde e que dificilmente poderá estar aprobada antes de final de ano, se manteña a barra libre cos pisos turísticos”, advertiu Igrexas.
Accións inmediatas
A ordenanza, que aínda non iniciou a consulta pública previa á redacción do anteproxecto, non resolverá a curto prazo a crise habitacional, polo que o BNG esixe accións inmediatas. Por iso, desde o BNG anunciaron que solicitarán a relación completa das declaracións de actividade de vivendas de uso turístico rexistradas no Concello, esixindo que o Goberno municipal exerza as súas competencias urbanísticas para verificar que estas vivendas cumpren a normativa
Ademais, a fronte nacionalista demanda que o Concello comunique á Xunta de Galiza aquelas vivendas rexistradas que non cumpren as súas obrigas legais, para que se tomen medidas desde a administración galega, como están a facer outros concellos.

