HomePontevedraO BNG de Vigo denuncia a inacción do Concello e da Xunta...

O BNG de Vigo denuncia a inacción do Concello e da Xunta co desaloxo da pensión Nosa Señora do Carmen

- Anuncio -spot_img

Acusa a ambos gobernos de levar semanas sen ofrecer unha alternativa habitacional ás 21 persoas que van quedar na rúa a finais de ano: só 4 atoparon unha “solución en precario”

Xabier P. Igrexas: “Non podemos tolerar que a resposta do PSOE no Concello e do PP na Xunta sexa o abandono institucional diante da realidade da pobreza”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe do Concello de Vigo e da Xunta de Galiza que encontren unha alternativa habitacional para as persoas ameazadas de desaloxo da pensión Nosa Señora do Carmen. Acusa a ambos gobernos de levar semanas “mirando cara outro lado”, sen ofrecer solucións ás 21 persoas que van quedar na rúa a finais de ano polo peche da hospedaxe máis antiga da cidade.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, asegurou que só catro das persoas afectadas encontraron, pola súa conta, unha “solución en precario”. Rexeitou a ese respecto a “propaganda oficial” de ambas administracións, en referencia aos anuncios de que estas persoas vulnerábeis, que vivían de forma estábel na pensión, están a recibir un “acompañamento individual”.

“Como é posíbel que un alcalde que presume que o seu despacho é a oficina antidesafiuzamentos o único que faga é facilitar nalgúns casos listas de vivendas en alugueiro?”, cuestionou Igrexas sobre Abel Caballero. Lembrou que algunhas destas persoas perciben ingresos de apenas 300 euros mentres na cidade os arrendamentos superan os 700 de media e se esixen avais, seguros e anticipos “imposíbeis”.

O voceiro nacionalista afeou que, incluso, o propio Concello teña aconsellado ás 21 persoas afectadas que denuncien ao propietario da pensión polo cese da actividade. Tachou esta resposta de “irracional e inxusta” así como dunha “evidencia” de como o Goberno municipal quere “desentenderse do risco real de que veciños da nosa cidade poidan acabar na rúa”.

Alternativa estábel e axeitada

Dende o BNG esixiron por este motivo que ambas administracións busquen coa “máxima urxencia e prioridade” unha alternativa habitacional “estábel e axeitada” antes de que finalice o ano. “Non podemos tolerar a resposta do PSOE no Concello ou do PP na Xunta sexa o abandono institucional diante da realidade da pobreza”, afirmou Igrexas.

Neste sentido, dende a fronte nacionalista cuestionaron a falla de vontade para crear un parque público de vivenda social en Vigo, que inclúa un programa destinado a persoas vulnerábeis ou en risco de desafiuzamento, malia que os Gobernos galego e local deixan cada ano “moreas de millóns de euros sen executar dos seus orzamentos”: no caso do Concello arredor de 100 millóns anuais e da Xunta de 1.000 millóns.

“Para lograrmos que nunca máis un despexo se produza sen unha alternativa digna na nosa cidade, iso é humanizar de verdade a nosa cidade”, defendeu o portavoz municipal do Bloque, rexeitando que ambas administracións “intercambien culpas” ou afirmen que o problema non é da súa competencia. 

Publicacións Relacionadas