HomePontevedraO BNG de Vigo denuncia a talla dun exemplar centenario de piñeiro...

O BNG de Vigo denuncia a talla dun exemplar centenario de piñeiro manso en Navia polas obras do Plan Parcial

- Anuncio -spot_img

Critica o maltrato contra o arboredo senlleiro e denuncia que a Xunta incumpre o seu compromiso de respectar o patrimonio natural do barrio

Acusa o Partido Popular de sumarse á “guerra contra o arboredo” de Abel Caballero

Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitir que as administracións públicas actúen como un kamikaze ambiental con tallas absolutamente inxustificadas queconstitúen un auténtico suicidio ecolóxico”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou unha nova talla abusiva de arboredo no barrio de Navia, que supuxo a corta dun exemplar centenario de piñeiro manso (Pinuspinea), situado na confluencia entre a rúa Ufas e Pedra Seixa, no marco das obras do Plan Parcial.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, sinalou que se trataba dunha árbore singular, de enorme porte e máis de 15 metros de altura, “un dos exemplares máis valiosos de toda a contorna”, e advertiu de que esta nova corta se suma a unha cadea de actuacións similares producidas nos últimos meses.

Talla de madrugada

Segundo trasladou a propia veciñanza, a talla produciuse hai varios días, arredor das sete da mañá, nun horario que, a xuízo do BNG, evidencia “unha clara intención de impedir que a resposta veciñal puidese frear este novo arboricidio”.

Este novo episodio engádese á corta de cinco carballos, varios salgueiros e cedeiras executada hai menos de dous meses tamén no ámbito do Plan Parcial de Navia. “Estamos diante dunha repetición de feitos que amosan un desprezo absoluto polo patrimonio natural do barrio”, advertiu Igrexas.

Para o portavoz nacionalista, esta actuación confirma que a Xunta de Galiza volve incumprir o seu compromiso de respectar o arboredo senlleiro de Navia e de facer compatíbel o desenvolvemento das obras co seu mantemento. Por este motivo, o BNG anunciou que esixirá explicacións á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.

“Lonxe de garantir a protección das árbores singulares, a Xunta está a provocar a súa eliminación sistemática”, denunciou Igrexas.

Comportamento de “kamikaze ambiental”

Desde o BNG sinalan que estas actuacións evidencian que a Xunta do PP se suma á “guerra contra o arboredo urbano” que, segundo Igrexas, mantén o “alcalde leñador” Abel Caballero, que vén de arrasar con 13 árbores no monte do Castro.

“No BNG temos claro que non podemos permitir que as administracións públicas actúen como un kamikaze ambiental, aplicando políticas de tallas absolutamente inxustificadas que, no actual contexto de emerxencia climática, constitúen un auténtico suicidio ecolóxico”, subliñou.

Igrexas concluíu advertindo de que “a vella e caduca visión do gris-cemento non pode seguir marcando o futuro da cidade”, e reclamou que Vigo avance “cara a un modelo máis verde, máis sustentábel e máis respectuoso co seu patrimonio natural, que é o que as viguesas e vigueses merecen”.

Publicacións Relacionadas