O BNG de Vigo denuncia en Patrimonio a oficina da promotora do Barrio do Cura no Paseo de Afonso ante o silencio de Caballero

Redacción

A fronte nacionalista denuncia que a empresa Gestilar forrou con plástico os querubíns da balaustrada histórica malia ser un espazo protexido como Ben de Interese Cultural

Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero ten que explicar a cambio de que está a aplicar esta política de total complicidade de deixar facer a unha promotora inmobiliaria”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a instalación dunha oficina comercial da promotora do Barrio do Cura no Paseo de Afonso XII. A fronte nacionalista critica o silencio do Goberno de Abel Caballero despois de que demandase o pasado venres coñecer se estaba autorizada a instalación dun módulo prefabricado, destinado a comercializar as vivendas de luxo, neste espazo público catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).

Este xoves o BNG vén de ter coñecemento de que a empresa Gestilar, promotora da urbanización VIP no corazón de Vigo, forrou con plástico os querubíns que ornamentan a balaustrada histórico do paseo. Unha actuación que, a xuízo do seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, evidencia como se está “avanzar na vandalización deste ámbito de enorme valor patrimonial coa total complicidade de Caballero”.

Igrexas asegurou que o Goberno local non deu aínda ningunha resposta oficial nin aclarou se esta instalación conta cos preceptivos permisos. Por este motivo, dende o Bloque veñen de dar traslado formal de escritos de denuncia tanto ao propio Concello de Vigo como a Patrimonio para que actúen de maneira inmediata para “impedir este abuso”.

Privatización do espazo público

“Non podemos permitir que unha promotora inmobiliaria converta no seu couto privado un espazo protexido nin poña en risco elementos patrimoniais”, advertiu o portavoz nacionalista. Sinalou a ese respecto que a empresa Gestilar —da que é copresidenta a anterior candidata á alcaldía do PP, Marta Fernández-Tapias— conta ademais cunha oficina comercial a escasos metros no edificio do antigo Asefal.

Dende o Bloque cuestionaron os motivos do alcalde de Vigo para “consentir que un balcón privilexiado á ría de Vigo sexa privatizado para as actividades comerciais dunha urbanización de luxo”, lembrando que o espazo público é das viguesas e dos vigueses. “Non todo vale”, remachou.

Igrexas contrapuxo esta actuación coa situación de acceso á vivenda que atravesa a cidade e cuestionou que o Goberno municipal facilite a utilización dun espazo público para a promoción de vivendas de prezos elevados mentres, denunciou, continúa sen dar resposta ao problema do acceso social á vivenda.

“É indecente que mentres o Goberno municipal fica de brazos caídos diante da grave emerxencia habitacional que impide o acceso á vivenda á maioría social, poña alfombra vermella ao vello modelo especulativo de urbanismo para as grandes rendas”, defendeu o portavoz municipal do BNG.

Comparte este artigo