O BNG de Vigo denuncia o abandono da praza da Independencia e demanda un maior coidado dos barrios e parroquias de Vigo

adminON
Lectura mínima de 3

Sinala a existencia de xardineiras rotas, mobiliario en mal estado, adoquíns levantados e falla de limpeza

Demanda que o Concello garanta un adecuado mantemento da praza e critica que se deixen sen gastar “ducias de miles de euros” das partidas orzamentarias para a atención dos barrios

Xabier P. Igrexas: “A praza da Independencia pasou de ser un símbolo da democratización do espazo público a se converter nun lugar abandonado”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe unha actuación inmediata do Concello de Vigo para rehabilitar a praza da Independencia, un espazo emblemático que presenta un “aspecto lamentábel” debido á falta de mantemento e limpeza.

Xardineiras rotas, mobiliario en mal estado, adoquíns levantados e falta de limpeza son algúns dos problemas que afectan este espazo, reflectindo a “máis absoluta desatención” do Goberno municipal e que provoca problemas de seguranza e accesibilidade.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, denunciou que o Goberno de Abel Caballero prioriza a propaganda e as inauguracións de novas obras, mentres deixa no abandono barrios e parroquias.

O BNG levará ás vindeiras Comisións Informativas a demanda da veciñanza para garantir un adecuado coidado deste espazo público e a execución das partidas orzamentarias destinadas á mellora das beirarrúas e zonas comúns.

Abandono

A praza da Independencia, que no seu día foi un espazo referencial grazas á peonalización impulsada polo BNG, atópase nun estado de deterioro que o Bloque considera “inxustificábel”.

 “A praza da Independencia pasou de ser un verdadeiro símbolo da democratización do espazo público coa peonalización impulsada polo BNG, coa que logramos que a veciñanza gañase espazo para a convivencia e o desfrute social por riba dos coches, a se converter nun lugar abandonado”, lamentou Igrexas.

Partidas orzamentarias sen executar

O BNG criticou que o Concello deixe sen executar “ducias de miles de euros” das partidas destinadas á mellora de beirarrúas e espazos públicos nos barrios, un feito que agrava a situación de abandono. 

Esta falta de xestión, segundo o Bloque, é un “síntoma máis” dun Goberno que se dedica “en exclusiva á propaganda e autobombo” en lugar de atender as necesidades da cidadanía. “É claro que o único que ocupa e preocupa ao Goberno municipal de Abel Caballero son as primeiras pedras de novas obras ou as inauguracións, pero o resto das rúas e espazos públicos sofren a máis absoluta desatención”, criticou Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista anunciou que trasladarán ás próximas Comisións Informativas a demanda da veciñanza da praza da Independencia para que o Concello actúe de inmediato e garanta un mantemento adecuado deste espazo.Ademais, o Bloque esixe que se executen as partidas orzamentarias pendentes para mellorar as beirarrúas e os espazos públicos en todos os barrios e parroquias, priorizando o coidado das zonas de convivencia cidadá.

Comparte este artigo