HomePontevedraO BNG de Vigo denuncia o cinismo de Caballero por aplicar nos orzamentos...

O BNG de Vigo denuncia o cinismo de Caballero por aplicar nos orzamentos municipais o mesmo “rodete absolutista” que o PP na Xunta

- Anuncio -spot_img

O PSOE aprobou en solitario as contas de 2026 despois de rexeitar as 198 emendas do BNG e as alegacións formuladas pola AV de Teis

A fronte nacionalista lamenta que o Goberno municipal se negase a mellorar o proxecto orzamentario para atender as necesidades reais da cidade en materias como política social, emprego, vivenda, medio ambiente, investimento nos barrios e parroquias, cultura, deporte ou políticas para a mocidade

Xabier P. Igrexas a Abel Caballero: “Poderá gañar esta votación coa súa maioría absolutisima, pero neste debate o BNG logramos algo importante: demostrar que si hai alternativa ao seu desgoberno. Vencer non é convencer”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou hoxe o “enorme exercicio de cinismo” do Goberno municipal de Abel Caballero ao aplicar nos orzamentos do Concello para o vindeiro ano o mesmo “rodete absolutista” que Rueda na Xunta de Galiza.

No Pleno celebrado hoxe para a aprobación definitiva do presuposto municipal do 2026, o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, parafraseou ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, para afear as “198 negativas” do Goberno de Abel Caballero rexeitando todas e cada unha das emendas formuladas pola fronte nacionalista.

“Como dixo o señor Besteiro, do que agora queren tomar distancia, este Pleno converteuse nun lugar para dar forma a decisións tomadas de antemán”, espetou Igrexas, acrecentando que como sostivo o líder dos socialistas no Parlamento galego “van aprobar as contas igual que entraron, sen melloras, sen correccións e igual de curtos, sen escoitar nada do que pasa fóra”.

Igrexas remachou facendo súas as palabras de Besteiro nas que afirmaba que “aceptar emendas non é un síntoma de febleza, é un exercicio de responsabilidade política”, para evidenciar o claro “exercicio de cinismo político de Caballero, por aplicar en Vigo o mesmo rodete absolutista que o PP de Rueda no Parlamento de Galiza”.

“En efecto, os seus 198 non ás propostas do BNG son un xigantesco exercicio de irresponsabilidade”, enfatizou o portavoz municipal nacionalista, acusando ao Goberno municipal de “cegueira e xordeira autoritaria” ao non entenderen que “democracia é moito máis que votar cada catro anos”. “Confunden unha lexítima maioría absoluta cunha especie de ditadura romana sobre a premisa do ‘aquí mando yo’”, resumiu.

Unha actitude que para alén de antidemocrática é, para Igrexas, unha “grande equivocación política” por insistir en virarlle as costas á cidade real e en desatender as necesidades das viguesas e dos vigueses.

“Non lle din non ao BNG, din non a propostas absolutamente necesarias para a cidade”, afirmou, enumerando entre outras a demanda de duplicar as axudas sociais municipais -que foron reducidas nun 50% nos últimos 5 anos mentres o gasto en luces e adornos de nadal se incrementou nun 150%; elevar até os 3 millóns de euros o Plan Municipal de Emprego; mobilizar 10 millóns de euros máis para atender “o principal problema social da cidade que é o do acceso á vivenda”; ou destinar máis recursos a “facer das políticas feministas unha verdadeira prioridade no Concello. Aliás, Igrexas criticou que o PSOE insista en rexeitar poñer fin ao abandono que padecen os barrios e parroquias, a despregar un plan de resposta fronte á emerxencia climática ou reverter as políticas de “desertización cultural, maltrato do deporte vigués e desmantelamento das políticas para a mocidade”.

Cinco novos “non” a Teis

A fronte nacionalista cargou tamén contra a decisión do goberno de Caballero de rexeitar todas as alegacións formuladas pola Asociación Veciñal de Teis, que o BNG defendeu a través dun voto particular. As alegacións propuñan aumentar a partida orzamentaria para garantir que Teis conte cunha verdadeira biblioteca e “non apenas cunha sala de lectura sen nada para ler”; a mellora dos parques da Guía e da Riouxa; actuacións para accesibilidade da praia da Punta; o acondicionamento do Auditorio de Teis e melloras na Vía Verde.

“Todos seus ‘non’ só demostran a falla de visión dun Goberno instalado na inercia do máis do mesmo”, reprochou Igrexas.

Vencer pero non convencer

O portavoz municipal nacionalista citou a Miguel de Unámuno para subliñar que “poderán vencer pero non convencer, terán os votos neste Pleno pero non as razóns”. “Poderán gañar esta votación coa súa maioría absolutísima, pero neste debate o BNG logramos algo importante: demostrar que si hai alternativa ao seu desgoberno”, acrecentou. Unha alternativa que presentou como “un proxecto aberto para transformar en positivo á cidade” co que o BNG quere avanzar cara a un Vigo “máis habitábel e moito máis verde, igualitario e socialmente xusto e que sexa o motor dunha nova Galiza”.

Por último, Igrexas, remarcou que os recursos económicos do Concello “son de todas as viguesas e vigueses e non de Abel Caballero”, criticando que o alcalde elaborara os orzamentos, un novo exercicio, en “réxime de monólogo xordo, sen dialogar con ninguén”. O que contrapuxo co proceso de consulta aberto polo Bloque para incorporar nas súas emendas propostas do tecido asociativo e da veciñanza.

Publicacións Relacionadas