O BNG de Vigo denuncia o veto do PSOE a unha declaración institucional polo asalto da Flotilla a Gaza

Redacción

Afea a negativa socialista “sen ningún argumento” na Xunta de Voceiros ao texto para reclamar a inmediata liberación das activistas secuestradas por Israel, entre elas sete galegas e galegos

Expresa a disposición a apoiar unha declaración alternativa se esta recolle unha “posición clara e nítida” por parte do Pleno fronte á acción ilegal israelí contra a Global Sumud Flotilla

Xabier P. Igrexas: “A diferenza da frivolidade e do sectarismo de Abel Caballero, dende o BNG non vamos rexeitar unha declaración só porque a propón outro grupo”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o PSOE de Abel Caballero vén de vetar unha declaración institucional para que o Concello de Vigo condene o asalto contra a Global Sumud Flotilla. A fronte nacionalista trasladara este martes unha proposta de declaración que hoxe foi tombada pola maioría “sen ningún argumento”.

“É unha decisión incomprensíbel e profundamente decepcionante”, valorou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, tras a celebración da Xunta de Voceiros. A declaración nacionalista  reclamaba a inmediata liberación das activistas secuestradas en augas internacionais por Israel, entre elas sete galegas e galegos, dúas delas veciñas de Vigo, cando se dixirían en misión humanitaria na Global Sumud Flotilla para denunciar o “bloqueo criminal” contra Gaza e o xenocidio na Palestina.

Igrexas considerou que “o mínimo que pode facer o Concello é expresarlles, en nome da cidade, o noso total apoio e esixir garantías para a súa protección e seguridade”. Advertiu de que “non cabe nin o silencio nin a equidistancia” diante desta nova agresión ilegal contra as activistas da Flotilla que, salientou, son persoas comprometidas coa defensa dos dereitos humanos, coa paz e coa solidariedade internacionalista. “As institucións democráticas teñen a obriga moral e política de posicionarse con claridade”, defendeu.

Sectarismo de Caballero

O portavoz municipal do BNG afeou que o grupo socialista expresase como único argumento para rexeitar a proposta nacionalista a intención do alcalde de Vigo de trasladar unha proposta diferente de declaración institucional. Un texto que non se deu a coñecer durante a Xunta de Voceiros e que o resto de grupos municipais descoñece neste momento. “Mentres o BNG puxo enriba da mesa un texto concreto co obxectivo de procurar o consenso unánime, Abel Caballero volveu exhibir o seu seu sectarismo”, cuestionou.

No entanto, Igrexas expresou a disposición do Bloque a sumarse a unha declaración institucional sempre que recolla unha “posición clara e nítida” por parte do Pleno contra o asalto ilegal á Global Sumud Flotilla. “A autoría do texto é o de menos, o realmente importante é a mensaxe”, manifestou á espera de que se concrete esa eventual proposta do alcalde. “A diferenza da frivolidade de Caballero, non vamos rexeitar unha declaración só porque a propón outro grupo”, aclarou.

Dende a fronte nacionalista reivindicaron a súa posición clara pola fin do xenocidio contra o pobo palestino, polo levantamento do bloqueo sobre Gaza e polo respecto ao dereito internacional. “E imos seguir defendendo que Vigo estea do lado da paz, da solidariedade entre os pobos, do respecto á soberanía e dos dereitos humanos”, remachou Igrexas.

Comparte este artigo