O BNG de Vigo denuncia “opacidade” do Goberno de Caballero sobre o custo do desfile militar e o peche do complexo das Travesas

Redacción
Lectura mínima de 3

Critica a negativa do PSOE a dar explicacións nas Comisións Informativas do Concello e a falla de acceso aos expedientes no prazo legal solicitados pola fronte nacionalista

Xabier P. Igrexas: “O capricho do alcalde de que Vigo acolla este acto de exaltación militarista e españolista vai ter consecuencias directas sobre a cidadanía”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia “opacidade” do Goberno de Abel Caballero sobre o desfile das Forzas Armadas previsto para o 30 de maio en Vigo. A fronte nacionalista critica a negativa do Goberno municipal a dar explicacións sobre os custos deste evento para o Concello e sobre a decisión de pechar o complexo deportivo das Travesas para uso como campamento militar.

O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, advirte de que o BNG non ten acceso a ningún expediente municipal relacionado co desfile malia ter superado o prazo legal, de 5 días naturais, para que o Goberno local facilite esta información. E tampouco recibiron resposta a sendas interpelacións realizadas nas Comisións Informativas do Pleno celebradas este luns.

Dende a fronte nacionalista censuraron a negativa a incluír como asunto de urxencia na Comisión de Deportes a solicitude de comparecencia do edil Manel Fernández, “casualmente ausente” da sesión a pesar de presidir o organismo. “O único que pretendía o Goberno municipal é que votase se había ou non que convocar unha nova reunión extraordinaria para dar esas explicacións, adiantando que se ían opoñer”, afeou Igrexas, acusando ao PP de sumarse a este “escapismo” do PSOE.

“Capricho de Caballero”

Para o Bloque este silencio é “unha tomadura pelo” para a veciñanza e os clubs deportivos que fan uso do complexo das Travesas, que vai ser clausurado do 27 de abril até o 7 de xuño para ser convertido nun campamento militar. O portavoz municipal nacionalista lamenta “as consecuencias directas” do que tachou de “capricho de Caballero de acoller este acto de exaltación militarista e españolista”.

Por este motivo, a fronte nacionalista insiste na urxencia de que o Goberno local rectifique a decisión de pechar durante varias semanas unha das principais instalacións da cidade sen dar alternativas ás persoas usuarias e ás entidades deportivas.

Sen resposta sobre os custos

Tampouco deu explicacións o Goberno municipal na Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda, diante das interpelacións do Bloque sobre os custos, directos e indirectos, que vai ter para o Concello de Vigo a celebración dese desfile. O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, limitouse a sinalar que darán unha resposta por escrito que, advirten dende o BNG, “nunca se reciben”.

Comparte este artigo