Home Pontevedra O BNG de Vigo denuncia que Abel Caballero pretende “estafar de novo...

O BNG de Vigo denuncia que Abel Caballero pretende “estafar de novo a cidade” cunha nova prórroga da xestión privatizada da auga

0
2

Acusa ao Alcalde de faltar á súa palabra e de regalarlles outro gran negocio a Aqualia mentres Vigo paga o recibo da auga máis carod e toda Galiza

A fronte nacionalista defende poñer fin á privatización do servizo e no Pleno esixirá que a prórroga sexa “polo tempo imprescindíbel e nin un minuto máis” para que o Concello constitúa unha empresa pública municipal que asuma a xestión integral do ciclo da auga

Xabier P. Igrexas: “A remunicipalización permitiría priorizar o servizo público sobre o lucro privado, cunha mellor planificación, tarifas máis xustas e favorecendo a participación e o control cidadán sobre un ben esencial”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou hoxe que o Alcalde, Abel Caballero, pretende aprobar unha nova prórroga da xestión privatizada do servizo de subministro de auga e saneamento, hipotecando de novo á cidade cun modelo “ineficiente, moi caro e absolutamente opaco”.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou esta decisión de “nova estafa á cidade” e advertiu de que o Alcalde “volve faltar á súa palabra”, despois de prometer unha nova licitación e optar agora por “agasallar a Aqualia cunha nova prórroga a poucos días de que expire a actual, aprobada por sorpresa en decembro de 2020”.

Desde o BNG rexeitan que o Goberno municipal persista nun modelo de xestión privatizada que “prioriza o lucro privado fronte ao interese xeral”, ignorando a proposta nacionalista de iniciar o proceso de remunicipalización do ciclo integral da auga, como xa fixeron numerosas cidades do Estado e de Europa.

“O que Caballero pretende é volver hipotecar a cidade, cando existen alternativas probadas que permiten unha xestión máis eficiente, transparente e socialmente xusta”, afirmou Igrexas.

Prórroga pola porta de atrás

O portavoz do BNG denunciou a “opacidade absoluta” coa que o Goberno municipal pretende aprobar este luns, nunha Xunta de Goberno extraordinaria, unha nova prórroga da concesión “sen que a oposición poida coñecer antes o expediente”.

Diante desta situación, o BNG anunciou que demandará no Pleno que, no caso de aprobarse, a duración da prórroga sexa “polo tempo imprescindíbel e nin un minuto máis” co único obxectivo de que o Concello poida constituír unha empresa pública municipal que asuma a xestión integral do ciclo da auga.

Modelo nefasto

“En Vigo pagamos moi caro un moi mal servizo”, denunciou Igrexas, sinalando as reiteradas incidencias e cortes de subministro que se producen nos barrios e parroquias, así como a negativa da concesionaria e do Goberno local a realizar unha auditoría da rede, malia que as perdas de auga chegan nalgúns puntos da cidade ao 30%.

A este respeito, criticou que o Goberno municipal aplique un modelo tarifario que non contempla o pago por consumo real. Neste sentido, lembrou que este sistema -aprobado polo rodete absolutista do PSOE- supuxo unha suba do 276% nas cotas fixas domésticas e dun 531% no comercio de proximidade e nas pequenas e medianas empresas, tal e como recoñeceu a propia Intervención municipal.

O portavoz municipal nacionalista sinalou tamén que un recente informe da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) sitúa Vigo como a cidade galega co recibo da auga máis caro e unha das máis caras de todo o Estado, por riba de cidades como Madrid, Zaragoza, Oviedo, Xixón, Donostia, Valladolid, Iruña ou Vitoria-Gasteiz.

A auga como dereito

En troca, desde o BNG defenden que Vigo debe seguir o camiño de cidades como Terrassa ou Valladolid, así como de grandes capitais europeas como París ou Berlín, que reverteron a privatización do servizo.

“A xestión pública é a única maneira de garantir que un ben imprescindíbel como a auga estea baixo control democrático”, afirmou Igrexas. “A remunicipalización permitiría priorizar o servizo público sobre o lucro privado, cunha mellor planificación, tarifas máis xustas e favorecendo a participación cidadá”.

“Falamos de xestionar un recurso vital como un dereito, non como unha mercadoría para que uns poucos fagan un gran negocio”, concluíu.