HomePontevedraO BNG de Vigo denuncia un novo paso na privatización das instalacións...

O BNG de Vigo denuncia un novo paso na privatización das instalacións deportivas municipais

- Anuncio -spot_img

Rexeita a privatización da apertura e peche do complexo deportivo de Samil coa mesma empresa que xestiona “de forma pésima e precaria” outros 18 centros deportivos

Anuncia un recurso de reposición para demandar que se atenda con persoal público

Xabier P. Igrexas: “As persoas usuarias e a veciñanza demandan mellor xestión pública das instalacións que son e deben seguir sendo públicas, non máis privatización”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexeita a privatización da apertura e peche do complexo deportivo de Samil aprobada este venres polo Goberno local de Vigo. A fronte nacionalista cualifica esta ampliación do contrato dun novo paso na privatización do deporte municipal, deixando estas instalacións en mans da mesma empresa privada que xestiona “de forma pésima e precaria” outros 18 centros deportivos.

Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, esta decisión confirma o Goberno de Abel Caballero como o “campión das privatizacións” e evidencia a “falla de xestión” da concellaría de Deportes. Así, o Concello vén de ampliar o contrato en 131.000 euros, que se engaden aos máis de 3 millóns que xa percibe esta empresa privada.

Igrexas tachou de “insulto á intelixencia” os argumentos do Goberno local, que alega falta de medios municipais para xestionar a instalación deportiva. “A falla de persoal non é unha circunstancia sobrevida, é a consecuencia directa da nefasta política de Caballero con preto de 300 prazas de persoal municipal sen adxudicar”, criticou, sinalando a continua inexecución das ofertas públicas de emprego, tendo a de 2025 sen aprobar.

Menos da metade do persoal público

Lembrou a ese respecto que o persoal municipal da área de deportes reduciuse a menos da metade, pasando de 78 a apenas 36, durante os nos últimos 12 anos. “É claro e xa non o poden negar que, detrás da situación lamentábel na que se atopan as instalacións de Samil, como tamén os ximnasios do Carme e do Berbés, o que había era tamén a intención de avanzar na privatización”, subliñou o portavoz nacionalista.

Desde o BNG rexeitaron tamén esta nova privatización por deixar o complexo deportivo en mans dun centro especial de emprego “caracterizado por unhas condicións laborais ultraprecarias e cunha pésima xestión das instalacións deportivas”. Para Igrexas esta medida de Caballero busca estender o “nefasto” modelo que xa se padece nas pistas de atletismo de Balaídos, en pavillóns como Quirós ou na ETEA.

Xestión pública das instalacións

Por estes motivos, a fronte nacionalista anunciou que vai formular un recurso de reposición en contra da decisión do Goberno municipal para demandar que se utilicen os mecanismos previstos na contratación de persoal público, garantindo que as instalacións de Samil continúen baixo xestión publica.

“O que demanda a veciñanza, o que reclaman as persoas usuarias, non é máis privatización senón unha mellor xestión pública de instalacións que son e deben seguir sendo públicas”, defendeu Igrexas, asegurando que “o público é servizo para todas e todos mentres o privado beneficio para uns poucos”.

Publicacións Relacionadas