A fronte nacionalista denuncia os reiterados cortes de auga nas últimas dúas semanas na contorna de Martínez Garrido
Critica que malia ter o recibo máis caro de toda Galiza a veciñanza en moitos barrios e parroquias recibe un “servizo lamentábel que non garante que ao abrir a billa saia auga”
Xabier P. Igrexas: “Na ‘mellor cidade para vivir’, da que tanto presume Abel Caballero, hai miles de veciñas e veciños que nin sequera teñen garantido algo tan básico como o subministro de auga”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou hoxe os reiterados cortes no subministro de auga rexistrados nas últimas dúas semanas na contorna da avenida de Martínez Garrido e advertiu de que non se trata dun episodio illado, senón dun problema que se repite “cada vez con máis frecuencia” en distintos barrios e parroquias da cidade.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que as viguesas e os vigueses paguen o recibo da auga máis caro de toda Galiza e un dos máis elevados do conxunto do Estado, por diante mesmo de cidades como Madrid ou Zaragoza, mentres o servizo que reciben “só se pode cualificar como lamentábel”.
Cortes reiterados
Igrexas atribuíu esta situación á falta de investimento e ao escaso mantemento da rede de abastecemento. “Practicamente cada semana hai algún ámbito da cidade sen acceso a un servizo esencial como é a auga”, advertiu, lembrando que esta situación é ben coñecida en barrios como Lavadores, Teis ou Coia. “Barrios nos que non se inauguran grandes proxectos pero nos que tampouco se garante algo tan básico como que ao abrir a billa saia auga”, engadiu.
Para o portavoz nacionalista, este escenario é consecuencia directa do modelo de xestión privatizada do servizo, actualmente en mans da concesionaria Aqualia, cuxa concesión foi prorrogada polo Goberno municipal durante cinco anos máis. “Estamos diante dun modelo no que a empresa fai caixa mentres o servizo empeora”, afirmou.
Neste sentido, lembrou que da anterior prórroga quedaron sen executar máis da metade dos 40 millóns de euros de investimentos comprometidos, sen que iso tivese consecuencias para a concesionaria. Ademais, criticou que boa parte deses recursos se destinasen a financiar actuacións urbanísticas alleas ao propio servizo de abastecemento.
Auditoría e plan urxente
Diante desta situación, o BNG esixe dúas medidas inmediatas: a realización dunha auditoría integral da rede de abastecemento para coñecer o seu estado real e a posta en marcha dun plan urxente de investimentos para renovar os moitos quilómetros de tubaxes obsoletas existentes na cidade, incluíndo tramos que aínda son de fibrocemento.
O Bloque tamén reclama actuacións para reducir as importantes perdas de auga que se producen na rede, que nalgúns puntos da cidade poden chegar até o 30%.
“Na ‘mellor cidade para vivir’, da que tanto presume Abel Caballero, hai miles de veciñas e veciños que nin sequera teñen garantido algo tan básico como o subministro de auga”, concluíu Igrexas, que reclamou abandonar un modelo de xestión que “prioriza a propaganda sobre o mantemento dos servizos públicos” para garantir un acceso seguro e de calidade á auga potábel en toda a cidade.



