HomePontevedraO BNG de Vigo esixe a Aena que desista da torre de...

O BNG de Vigo esixe a Aena que desista da torre de control remota en Peinador

- Anuncio -spot_img

Rexeita a ampliación de horario dunha torre sen visibilidade directa sobre a pista e sen visión de 360º que é rexeitada polos propios controladores e controladoras aéreas

Acusa a Aena de converter Vigo nun “laboratorio de probas” para abaratar custos “a costa de reducir garantías”

Xabier P. Igrexas:“Non se pode impor este modelo desde un despacho a quilómetros de distancia, como se o de Vigo fose un aeroporto secundario”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo cualificou hoxe de “auténtica temeridade” a decisión de Aena de alargar o uso da torre de control remota no aeroporto de Peinador e esixiu a súa paralización inmediata, advertindo de que pon en cuestión “algo tan fundamental como a seguridade aérea”.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que “Vigo non pode ser un laboratorio de probas. Non se pode xogar coa seguridade para experimentar cun modelo máis barato e precario”, criticando que Aena pretenda xestionar o tráfico aéreo desde unha torre remota situada “nun soto, sen visibilidade directa sobre a pista e sen unha visión completa de 360 graos”.

O portavoz nacionalista subliñou que esta preocupación non é exclusiva do BNG, senón que responde ás advertencias reiteradas polos propios e propias profesionais do sector. “Os controladores e as controladoras levan tempo sinalando que a presenza física na torre e a visibilidade directa seguen sendo elementos esenciais, especialmente nun aeroporto como o de Vigo, con condicións meteorolóxicas complexas”, indicou.

A pesar diso, denunciou que Aena continúa adiante con este modelo, que definiu como “recortes disfrazados de innovación”. “O que se pretende é abaratar custos reducindo garantías, ignorando o criterio técnico e o interese da cidade”, engadiu.

Xestión desde a torre física ao 100%

O BNG reclama que o tráfico aéreo de Peinador sexa xestionado “ao cento por cento e en todos os horarios” desde a torre de control física, rexeitando calquera implantación dun sistema remoto que, ao seu xuízo, diminúe as condicións de seguridade.

“Non se pode impor este modelo desde un despacho a quilómetros de distancia, como se o de Vigo fose un aeroporto secundario”, advertiu Igrexas, que reivindicou o papel estratéxico de Peinador para a conectividade e o desenvolvemento da cidade.

O portavoz nacionalista concluíu cunha mensaxe contundente: “Peinador non é un aeroporto de segunda e non imos permitir que se utilice como banco de probas para decisións que poden afectar á súa seguridade. O que está en xogo é algo demasiado serio como para improvisar: a seguridade das persoas”.

Publicacións Relacionadas