Denuncia que, tres anos despois do incendio que custou a vida a unha nai e tres das súas crianzas na rúa Afonso X, as administracións non puxeron en marcha ningunha medida para evitar que se repitan traxedias como aquela
A fronte nacionalista reclama un programa público de alternativas habitacionais para que ningunha familia se vexa obrigada a vivir en infravivendas perigosas nin ningunha persoa teña que seguir na rúa
Xabier P. Igrexas: “Hai recursos, o que falta é vontade política para que as persoas máis vulnerábeis deixen de ser atrezo dunha cidade parque temático”.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo esixe ao Concello e á Xunta de Galiza que mobilicen conxuntamente un mínimo de 3 millóns de euros nos seus orzamentos de 2027 para poñer en marcha un programa público de alternativas habitacionais destinado a persoas e familias en situación de exclusión residencial. A reclamación chega no día en que se fan tres anos do incendio nunha infravivenda da rúa Afonso X no que perderon a vida unha nai e tres das súas crianzas, unha traxedia que, segundo denuncia a fronte nacionalista, non se traduciu en medidas efectivas para evitar que poida repetirse.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, acudiu esta mañá ao acto de lembranza das vítimas do incendio en Afonso X, organizado polo Foro socioeducativo “As Ninguéns”. “Rosana, Aldara, Ezequiel e Sara, son tristemente desde entón os nomes propios dunha realidade inxusta e insoportábel”, manifestou ao remate. Neste sentido, sinalou que “a morte dunha nai e das súas crianzas de menos de 14 anos é o rostro máis cruel e inhumano da emerxencia social e habitacional que atravesa Vigo e á que nin a Xunta do Partido Popular nin o Goberno municipal de Abel Caballero queren dar resposta”.
Igrexas denunciou que, malia os anuncios realizados tras o incendio, “todo quedou nunha fotografía dunha reunión para a propaganda”. E engadiu: “Porque a realidade é que tres anos despois, nin Xunta nin Concello, moveron un só dedo para evitar que algo así poida volver pasar. Non tomaron nin unha soa medida. Non puxeron en marcha nin unha soa vivenda social que sirva de alternativa e refuxio a quen está en situación ou risco de exclusión”.
“Non son okupas, son persoas empobrecidas e abandonadas”
O portavoz nacionalista advertiu de que a emerxencia habitacional continúa a manifestarse en situacións de extrema vulnerabilidade, como o recente incendio nun edificio habitado por persoas empobrecidas no barrio de Ribadavia, que puido ser provocado.
“Na ‘mellor cidade para vivir’ da que presume o slogan de Abel Caballero continúa a haber moitas persoas que malviven e malmorren nas rúas, ou que se vén forzadas a habitar infravivendas e choupanos sen as mínimas condicións de habitabilidade ou seguridade”, denunciou Igrexas.
O portavoz do BNG rexeitou a criminalización e a aporofobia contra das persoas que viven nestas condicións: “Non son okupas, son persoas empobrecidas e abandonadas polas administracións públicas, que se negan a lles ofrecer unha alternativa habitacional a quen as necesita”.
3 millóns para alternativas habitacionais
Diante desta situación, o BNG esixe no concreto que o Concello e a Xunta incorporen aos seus respectivos orzamentos para 2027 unha partida conxunta de, como mínimo, 3 millóns de euros para poñer en marcha un programa público de alternativas habitacionais na cidade.
Igrexas comparou esta cantidade co custo das luces e dos adornos de Nadal de Vigo e reclamou que as prioridades orzamentarias se orienten a atender as necesidades sociais máis urxentes. “Diante desta realidade insoportábel, que continúa a asomar cada semana cunha media de catro desafiuzamentos na nosa cidade, desde o BNG esiximos solucións. Reclamamos pasar dos xestos e dos discursos, aos feitos”, afirmou.
O portavoz municipal nacionalista reclamou que a elaboración dos orzamentos galego e municipal para o vindeiro ano prioricen as necesidades sociais. “Hai recursos, como demostran os anuncios grandilocuentes de Caballero e Rueda de que van ter os orzamentos máis grandes da historia. O que fai falla é vontade política, para atender o que de verdade importa”, remachou.
Igrexas concluíu reclamando unha actuación pública que poña a xente no centro das prioridades municipais: “Para que as persoas, sobre todo as máis vulnerábeis, deixen de ser atrezo dunha cidade parque temático, para humanizar de verdade Vigo, facendo do Concello un parapeto social para protexer a xente e non deixar a ninguén atrás”.

