O BNG de Vigo esixe á Xunta a reapertura inmediata das 180 camas hospitalarias pechadas no verán

Redacción

A fronte nacionalista reclama que se anticipe antes de outubro diante da elevada presión asistencial no Álvaro Cunqueiro, onde se están a desdobrar habitacións nos últimos días

Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses non merecemos este castigo nin unha sanidade precarizada e lenta”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe á Xunta de Galiza que reabra de forma inmediata as 180 camas hospitalarias clausuradas na área sanitaria de Vigo durante o verán. A fronte nacionalista reclama que se anticipe a reapertura, prevista para o 1 de outubro, diante da elevada presión asistencial que está a provocar demoras e cancelacións nos ingresos e intervencións.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou de “inaceptábel” que se manteña o peche de camas cando no Hospital Álvaro Cunqueiro se desdobraron nos últimos días até 10 habitacións individuais, con medidas diarias de 500 pacientes saturando as Urxencias á que se suma a sobrecarga permanente no único Punto de Atención Continuada da cidade na rúa Pizarro.

Igrexas tachou de “despropósito e irracionalidade absoluta” estas decisións aplicadas polo goberno de Alfonso Rueda na sanidade pública viguesa.  “Precisamos xa a reactivación do 100% dos recursos para axilizar os ingresos e evitar a cancelación e demora inasumíbeis de intervencións e tratamentos”, advertiu.

Esperas de máis de 20 días nos centros de saúde

Para o portavoz municipal do BNG esta situación de “colapso” nos centros hospitalarios é unha consecuencia directa do “desmantelamento deliberado” da sanidade pública por parte da Xunta gobernada polo PP. Unhas políticas que, lamentou, están a “golpear a verdadeira columna vertebral da atención sanitaria” con esperas de máis de 20 días nos centros de saúde e axendas sen citas dispoñíbeis nas vindeiras catro semanas.

“As viguesas e vigueses non merecemos este castigo nin unha sanidade precarizada e lenta”, subliñou Igrexas, asegurando que defender o dereito á saúde pasa por exixir á Xunta que repoña o persoal necesario e garanta unha atención sanitaria pública, digna e de calidade. “O PP ten que deixar de xogar coa nosa saúde”, remachou, acusando o Goberno de Rueda de insistir nas “políticas de recortes e privatizacións que converteron Vigo na zona cero da desfeita sanitaria en Galiza”.

Comparte este artigo