HomePontevedraO BNG de Vigo esixe a Xunta e Concello accións urxentes para...

O BNG de Vigo esixe a Xunta e Concello accións urxentes para garantir a seguridade no colexio Celso Emilio Ferreiro

- Anuncio -spot_img

O centro educativo de Coia leva catro anos denunciando graves deficiencias estruturais sen que ningunha administración actúe.

A fronte nacionalista urxe a Xunta de Galiza a desenvolver as reformas necesarias para garantir a seguridade e accesibilidade no centro e, no caso de non o facer, reclaman que o Concello asuma a execución subsidiaria

Xabier P. Igrexas: “É repugnante ver como PP e PSOE botan balóns fóra mentres o tellado se cae e pon en risco a crianzas, profesorado e familias”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo esixiu hoxe á Xunta de Galiza e ao Goberno municipal que abandonen a súa “permanente lea partidista” e actúen de inmediato para resolver as graves deficiencias do colexio público Celso Emilio Ferreiro, en Coia. O centro, que leva desde 2021 reclamando solucións, presenta un tellado con desprendementos de cascotes e outros danos estruturais que comprometen a seguridade de alumnado, profesorado e familias.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou con dureza a inacción das dúas administracións: “É repugnante ver como PSOE desde o Concello e PP desde o Goberno galego o único que fan é botar balóns fóra, culpabilizando ao outro, en lugar de actuar xa para resolver unha situación que supón un evidente risco”. A comunidade educativa, segundo o BNG, leva catro anos “topando co muro de silencio e o abandono” por parte da Xunta e do Concello, sen que ningunha das dúas teña movido “un dedo” para abordar os problemas.

O BNG reclama unha solución urxente e propón medidas concretas. “Esiximos á Xunta de Galiza que poña en marcha, de maneira inmediata, as obras de reforma necesarias para garantir a plena seguridade no colexio Celso Emilio Ferreiro”, afirmou Igrexas. Ademais, engadiu unha proposta alternativa: “Se o Goberno galego do Partido Popular se nega, reclamamos ao Goberno municipal de Abel Caballero que asuma directamente a execución subsidiaria das obras e despois lle pase a factura á Xunta”. “O único que non podemos permitir é que todo siga como está”, recalcou.

Solucións xa

Igrexas subliñou que a situación actual é “insostíbel” e que non se pode permitir que o alumnado acuda a un centro “inzado de cintas de seguridade” nin que as familias e o profesorado vivan “co medo de que se poida producir un accidente”. O BNG insiste en que a seguridade e a accesibilidade dun centro educativo son “cuestións esenciais e innegociábeis” e urxe a ambas administracións a priorizar a protección da comunidade educativa sobre calquera disputa política.

A fronte nacionalista apela á responsabilidade institucional para que, dunha vez por todas, dean resposta ao “clamor” da comunidade educativa do Celso Emilio Ferreiro. “Non é a hora dos reproches interesados entre administracións. É hora de que uns e outros fagan o seu traballo e poñan solucións”, concluíu Igrexas.

Publicacións Relacionadas