A fronte nacionalista reclama de ambas as dúas administracións que cooperen para substituír as dúas válvulas defectuosas en Eiras e pide unha auditoría integral do encoro
O portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, critica que o conflito entre PP e PSOE “se podería confundir cun guión de Groucho Marx se non estivese en xogo algo tan básico como o subministro de auga para 400 mil persoas”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou este martes o “esperpento” protagonizado pola Xunta de Galiza e o Goberno municipal de Vigo a conta do mal estado de dúas válvulas do encoro de Eiras, que abastece de auga a 400.000 persoas da cidade e da súa área.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, asegurou que a polémica aberta entre ambas administracións “parece guionizada por Groucho Marx”. “Poderíamos cualificala de broma pesada se non fose unha grave evidencia de até que punto PP e PSOE son capaces de xogar irresponsabelmente con absolutamente todo para alimentar un conflito que ten máis de partidista que de institucional”, afirmou.
“Telenovela cutre”
Igrexas cualificou de “delirante” que, diante dun feito técnico obxectivo —a existencia de dúas das catro válvulas do encoro con deficiencias que deben ser substituídas— a resposta das administracións fose “converter un asunto serio nunha telenovela cutre, con cruces de declaracións, mensaxes alarmistas e reproches e peticións de dimisión”.
O portavoz municipal nacionalista advertiu de que a auga potábel “é algo demasiado importante como para ser incluído na disputa permanente entre PP e PSOE”, polo que reclamou responsabilidade e xestión. “Cremos que esta situación ten que marcar un punto e a parte, no que ambas as dúas administracións cooperen de maneira leal e construtiva”, enfatizou.
Urxen acordos inmediatos e unha auditoría integral
Desde o Bloque demandan que, tras a xuntanza convocada para este martes, “se abra paso a responsabilidade, prevaleza o interese público por encima das estratexias partidistas e Xunta e Concello cheguen aos acordos necesarios para substituír canto antes as dúas válvulas afectadas”. “Custe o que custe, faga quen o faga. O importante é resolver o problema”, recalcou Igrexas.
Ademais, ante a alarma xerada e as dúbidas difundidas sobre o estado do encoro, o BNG anunciou que reclamará de Augas de Galiza e do Concello de Vigo a realización dunha auditoría integral das instalacións de Eiras, co obxectivo de contar cun diagnóstico completo e rigoroso e garantir o correcto mantemento e operatividade desta infraestrutura crítica.
Igrexas advertiu que as viguesas e vigueses “non poden seguir sendo reféns dos xogos irresponsábeis e perversos de PP e PSOE”, que demostraron que “nin sequera son capaces de colaborar para atender algo tan esencial como o subministro de auga potábel da maior cidade de Galiza”.
“Xa chega de sobreactuacións. Vigo merece que ambas administracións entendan dunha vez que deben traballar para a veciñanza, non para os seus partidos”, concluíu.



