A fronte nacionalista demanda triplicar o programa municipal Vigo Emprega e reclama ao Goberno galego un plan de reactivación produtiva e industrial dotado con 24 millóns de euros
Xabier P. Igrexas: “Hai que facer do emprego unha prioridade para que a mocidade de Vigo deixe de ter que escoller entre desemprego, precariedade ou emigración”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo urxiu este martes ao Concello e mais á Xunta de Galiza a reaccionaren con medidas concretas diante do empeoramento do mercado laboral na cidade, despois de que os últimos datos oficiais do paro rexistrado confirmasen un aumento do desemprego e evidenciasen a persistencia da crise produtiva e industrial na maior cidade galega.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “moi preocupantes” as últimas cifras do paro rexistrado correspondentes ao mes de xullo, que recollen que “só no último mes se destruíron en Vigo por volta de 300 postos de traballo, cun aumento do paro dun 2%”.
Unha evolución que, segundo advertiu, deixa ademais outro dato especialmente significativo: sete de cada dez empregos destruídos entre xuño e xullo corresponden ao sector servizos. “Verifícase máis unha vez o carácter estacional, precario e de baixos salarios do emprego nestas actividades”, sinalou Igrexas, quen alertou tamén de que, en paralelo, “cronifícase a crise produtiva e industrial que padece a nosa cidade, cun evidente estancamento en actividades que son absolutamente esenciais para o desenvolvemento de Vigo”.
Resposta urxente
Diante deste escenario, a fronte nacionalista reclamou unha actuación decidida por parte das diferentes administracións públicas para impulsar a creación de emprego estábel e fortalecer o tecido produtivo da cidade.
No ámbito municipal, Igrexas criticou o progresivo desmantelamento das políticas activas de emprego por parte do Goberno de Abel Caballero, lembrando que o programa Vigo Emprega sufriu un recorte do 65% respecto de 2016. “Daquela permitía crear arredor de 220 empregos ao ano e agora apenas xera 75”, lamentou o portavoz nacionalista, que anunciou a proposta do BNG de multiplicar por tres a dotación orzamentaria e a capacidade de creación de postos de traballo do Plan de Emprego Municipal. “O emprego ten que ser tamén unha das prioridades da axenda política do Concello de Vigo”, defendeu.
En relación coa Xunta de Galiza, Igrexas lamentou “a falla dunha verdadeira política industrial, produtiva e laboral por parte dun Goberno do Partido Popular que unicamente insiste no monocultivo do Xacobeo” e reiterou a necesidade despregar un Plan de reactivación produtiva e industrial da comarca de Vigo dotado con preto de 24 millóns de euros.
Entre as actuacións prioritarias, o BNG sinala o desenvolvemento do prometido centro de reparacións navais e a creación dun centro metropolitano para o impulso tecnolóxico, co obxectivo de reforzar a capacidade innovadora e industrial da área viguesa. “Do que se trata é de facer do emprego unha prioridade no obxectivo, irrenunciábel par ao BNG, de que Vigo volva ser o potente pulmón industrial e produtivo de Galiza” e se converta na “capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”, explicou.
O portavoz municipal nacionalista concluíu asegurando que ese debe ser o camiño para que “a mocidade de Vigo deixe de ter que escoller entre desemprego, precariedade ou emigración”.

