O BNG de Vigo esixe á Xunta poñer fin ao caos no bus que conecta a cidade co Val Miñor e o Baixo Miño

Redacción

A fronte nacionalista  reclama ao Goberno galego que exerza as súas responsabilidades ante os continuos incumprimentos nun servizo esencial

Expresa o seu apoio ao persoal de Lugove que hoxe desenvolve unha nova xornada de folga

Xabier P. Igrexas: “A Xunta ten que deixar de ser cómplice de empresas piratas que non garanten a calidade no transporte nin respectan os dereitos laborais do seu persoal”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo esixe á Xunta de Galiza que actúe de maneira inmediata para poñer fin ao “caos” no servizo de autobús que conecta a cidade co Val Miñor e o Baixo Miño. A fronte nacionalista denuncia que as incidencias que padecen a diario centos de persoas usuarias non son un problema puntual.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, pronunciouse coincidindo coa segunda xornada de folga das traballadoras e traballadores de Lugove-Subus, a quen trasladou o seu apoio, e que volveron concentrarse na estación de autobuses de Vigo para reclamar condicións laborais dignas e un servizo seguro e de calidade.

“O que se está a vivir non é un problema puntual, senón o resultado directo do abandono e da inacción do Goberno galego do Partido Popular”, denunciou Igrexas. Cancelacións sen aviso, atrasos constantes, autobuses abarrotados e precarización laboral forman parte, segundo o BNG, da realidade cotiá de centos de persoas que dependen deste servizo para traballar, estudar ou acudir a citas médicas.

A fronte nacionalista lembra que desde hai anos se veñen denunciando incumprimentos laborais, falta de persoal, problemas de mantemento, avarías, deficiencias organizativas e servizos que non se prestan, chegando a deixar persoas usuarias nas paradas sen alternativa.

Igrexas sinalou ademais que a propia Xunta rescindiu o contrato e mantén actualmente o servizo en situación de prórroga, mentres a nova contratación acumula atrasos. Para o BNG, esta situación evidencia a falta de control e de capacidade de resposta da administración galega.

“Por iso desde o BNG reclamamos que a Xunta ten que deixar de mirar para outro lado e exercer as súas responsabilidades. É a administración titular dun servizo público esencial e ten que garantir que se cumpra o contrato, que se respecten os dereitos laborais e que a cidadanía reciba un transporte digno”, afirmou o portavoz municipal.

O BNG reclama así que o Goberno galego escoite as traballadoras e as persoas usuarias, garanta o cumprimento das condicións do servizo e adopte as medidas necesarias para acabar cos incumprimentos.

“A Xunta ten que deixar de ser cómplice de empresas piratas que non garanten a calidade no transporte nin respectan os dereitos laborais do seu persoal”, advertiu Igrexas. “O Goberno galego ten que actuar xa, escoitar as traballadoras e persoas usuarias e poñer fin a este caos”, concluíu.

Comparte este artigo