A fronte nacionalista critica un “nefasto e calamitoso” inicio de curso que atribúe aos recortes de persoal impostos polo PP, como o denunciado na Escola de Educación Infantil Vila Laura
Lanza un ultimato esixindo unha rectificación inmediata que garanta o persoal necesario en todos os centros ou o cesamento do Xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares, a quen sinalan como “entusiasta comisario dos recortes educativos en Vigo”
Xabier P. Igrexas: “A comunidade educativa de Vigo non atura máis maltrato, máis recortes, nin máis tomaduras de pelo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclama á Xunta de Galiza unha rectificación na política de persoal dos centros educativos públicos da cidade cunha “emenda total2 aos recortes aplicados polo Goberno galego do Partido Popular.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou a existencia de problemas de persoal en numerosos centros, así como situacións de non substitución de baixas e xubilacións e dificultades para cubrir determinadas necesidades de especialistas.
Segundo expuxo Igrexas, entre os centros afectados figuran Igrexa Candeán, Frián, Otero Pedraio e Illas Cíes. Tamén citou o caso do Fleming, onde denuncia a non substitución de baixas ou xubilacións, e do Lope de Vega, ao que, segundo afirmou, foi destinado un profesor de música cando o centro demandaba un mestre de educación física.
Falta de especialistas
O BNG sinalou tamén a xeneralización da compartición obrigatoria de especialistas entre centros. Igrexas advertiu das consecuencias que esta situación pode ter para a atención ao alumnado con necesidades educativas específicas, nomeadamente nas áreas de pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e orientación. A fronte nacionalista mencionou neste contexto as demandas trasladadas desde os colexios San Salvador e Josefa Alonso e desde a Escola Infantil da rúa Aragón.
“O Partido Popular continúa avanzando na súa política en contra do ensino público, castigando con especial dureza os centros educativos da nosa cidade”, afirmou Igrexas, que cualificou o inicio de curso de “nefasto e calamitoso”.
O caso de Vila Laura
O portavoz do BNG situou como un dos casos que considera máis graves a situación da Escola de Educación Infantil Vila Laura, onde o centro reclama a incorporación dunha terceira mestra de apoio.
Segundo Igrexas, este reforzo fora comunicado pola Consellaría á dirección do centro tras as primeiras protestas da comunidade educativa, pero posteriormente a Administración negáse a executalo. O BNG subliña que este reforzo resulta imprescindíbel para atender adecuadamente o alumnado de tren a cinco anos e reclama á Xunta que concrete a súa incorporación canto antes.
Reclamación de persoal
Desde o Bloque esixen que a Xunta garanta os recursos humanos necesarios nos centros educativos públicos. Neste sentido, o portavoz municipal do BNG rexeitou que o mesmo Goberno galego que deixou sen executar, o pasado ano, 750 millóns de euros do seu orzamento, “queira negar agora recursos para algo tan importante como a educación das nosas fillas e fillos”
“Non podemos aceptar que a Xunta do PP queira utilizar as ratios mínimas e os seus catálogos como teitos de cristal para afogar o ensino público mentres seguen a cebar con millóns e millóns de euros aos empresas do ensino privado-concertado”, enfatizou Igrexas.
Ultimato
O BNG defende que “a comunidade educativa de Vigo non atura máis maltrato, máis recortes, nin máis tomaduras de pelo”. E por iso lanzan un ultimato: ou a Xunta rectifica ou que cese de maneira ao señor Cesar Pérez Ares como Xefe Territorial de Educación.
“Todo o mundo sabe nesta cidade que para alén da política xeral de castigo ao ensino público que aplica no conxunto o Goberno galego de Rueda, Pérez Ares é desde o 2009 a punta de lanza e o máis entusiasta comisario dos recortes educativos na nosa cidade” sinalou Igrexas.

