HomePontevedraO BNG de Vigo esixe ao Caballero que rexeite o acordo da...

O BNG de Vigo esixe ao Caballero que rexeite o acordo da FEGAMP coa Xunta polo financiamento do SAF que cualifica de “tomadura de pelo”

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista reclama un financiamento que cubra o 100% do custe real dun servizo esencial de coidados como paso previo a ser asumido dentro dun “Sergas dos servizos sociais”

Critica que o Goberno galego apenas vaia asumir para este ano 16 dos máis de 24 euros do custe por hora do SAF vigués

Xabier P. Igrexas: “Aceptar este acordo é asumir un engano que castiga as persoas usuarias, as traballadoras do SAF e ao propio Concello”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclamou hoxe ao Goberno municipal de Abel Caballero que rexeite o acordo atinxido entre a FEGAMP e a Xunta de Galiza sobre o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), por consideralo “gravemente prexudicial” para a cidade e para as persoas usuarias e traballadoras deste servizo esencial.

Segundo lembrou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, en Vigo o SAF ten un custe real superior aos 24 euros por hora, dos que a metade están a ser asumidos con cargo aos orzamentos municipais, malia que o Concello non é a administración competente. “Esta situación é consecuencia directa da falla dun financiamento axeitado tanto por parte da Xunta como tamén do Goberno do Estado”, advertiu.

Neste contexto, Igrexas denunciou que o acordo avalado pola FEGAMP supón “un engano e unha tomadura de pelo”, ao limitarse a incrementar a achega da Xunta até os 16 euros por hora en 2026, 17 euros en 2027 e 18 euros en 2028. “Mesmo no mellor dos escenarios, esta contía quedaría moi lonxe do custe real do servizo, obrigando ao Concello a seguir asumindo un sobrecuste inxusto que compromete recursos públicos que poderían e deberían destinarse a outras políticas sociais”, criticou.

O SAF atende actualmente a máis de 1.600 persoas en Vigo, mentres preto de 2.000 permanecen en lista de agarda, e presta o servizo a través de arredor de 600 traballadoras que padecen condicións laborais marcadas pola precariedade e os baixos salarios. “Estamos a falar da columna vertebral dun sistema público de coidados claramente insuficiente e, para moitas familias, do único recurso dispoñíbel”, subliñou Igrexas.

Desde o BNG lembran que a lei recoñece este servizo como un dereito e establece que debe estar financiado de maneira suficiente polas administracións competentes. Por iso, consideran unha “grave equivocación” que a FEGAMP avale un acordo que normaliza un financiamento á baixa, e advirten de que sería aínda máis grave que o Goberno municipal de Vigo o aceptase calado.

A fronte nacionalista anunciou que no vindeiro Pleno, convocado para este luns, interpelará o Goberno municipal para coñecer que posición vai adoptar ante este pacto, defendendo como única resposta responsábel o seu rexeitamento e a esixencia dun financiamento xusto que cubra o 100% do custe real do SAF. “Aquí non falamos de números nun papel, falamos de coidados, de dereitos e de dignidade”, concluíu Igrexas.

Alternativa do BNG

Igrexas puxo en valor a “posición firme e coherente” defendida polo BNG no seo da FEGAMP, rexeitando a proposta da Xunta. A formación nacionalista advertiu de que o acordo supón consolidar un modelo de infrafinanciamento que traslada aos concellos unha responsabilidade económica que non lles corresponde e pon en risco a calidade do servizo, os dereitos das persoas usuarias e as condicións laborais das traballadoras. O BNG reclamou, en troca, un compromiso real da Xunta para asumir o financiamento suficiente do SAF e cumprir coas obrigas que establece a Lei de Dependencia.

A proposta alternativa do BNG pasa porque a Xunta aboe no inmediato aos municipios 17 euros/hora con carácter retroactivo desde xaneiro de 2025, aumente o financiamento até os 20 euros/hora neste 2026 para asumir o 100% dos custes ao final dos mandatos municipais en 2027.

Ao tempo, Igrexas insistiu na reivindicación de que o Goberno galego asuma o SAF como un “instrumento de benestar social” que pase a integrarse nun “Sergas dos servizos sociais” xestionado e financiado pola Xunta.

Publicacións Relacionadas