A fronte nacionalista reclama que as familias solicitantes coñezan antes do 9 de setembro se son beneficiarias para garantir que ningunha crianza quede sen comedor por culpa da lentitude da tramitación municipal
Xabier P. Igrexas: “4 mil familias non poden comezar ao curso coa incerteza de non saber se van contar ou non cunha axuda que en moitos fogares é indispensábel para permitir que as crianzas poidan acudir ao comedor”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo esixiu esta mañá ao Goberno municipal de Abel Caballero que axilice a resolución das bolsas de comedor escolar para garantir que todo o alumnado que precisa deste servizo poida acudir ao comedor desde o primeiro día do curso, o vindeiro 9 de setembro.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, reclamou que o Concello resolva antes desa data as solicitudes presentadas, de maneira que as arredor de 4.000 familias que solicitaron as axudas saiban con antelación se son ou non beneficiarias.
Igrexas valorou positivamente que, despois de varios anos de insistencia do BNG, o Goberno municipal adiantase este ano o período de solicitude, iniciado o 1 de abril e rematado o 4 de maio. Porén, considera que catro meses deberían ser “tempo máis que suficiente” para comprobar a documentación e resolver as axudas.
“4 mil familias non poden comezar ao curso coa incerteza de non saber se van contar ou non cunha axuda que en moitos fogares é indispensábel para permitir que as crianzas poidan acudir ao comedor”, advertiu Igrexas.
Burocracia
O BNG subliña que as bolsas de comedor teñen unha función social esencial, especialmente para as familias con menos recursos, polo que a burocracia municipal non pode converterse nun obstáculo para garantir a alimentación das crianzas. A fronte nacionalista reclama que ningunha familia quede, por motivos económicos, sen acceso ao servizo mentres agarda pola resolución da súa solicitude.
Igrexas alertou tamén do impacto que os atrasos teñen sobre as ANPAs, que nos últimos cursos se viron obrigadas a adiantar pagamentos con cargo aos seus propios recursos para garantir a continuidade do servizo.
Para o BNG, non existe xustificación para que o Concello non sexa quen de resolver a tempo unhas axudas que afectan directamente ao benestar das crianzas e á economía de milleiros de fogares. “Desde logo non hai escusa para que o concello da maior cidade de Galiza, cun orzamento de máis de 400 millóns de euros para este 2026, teña a crianzas que precisan do servizo de comedor escolar sen poder facer uso del por culpa da lentitude na xestión do Goberno municipal”, concluíu Igrexas.
A fronte nacionalista reclama, polo tanto, que o Goberno municipal poña todos os medios necesarios para completar a tramitación antes do 9 de setembro e evite que ningunha crianza quede sen comedor por unha demora administrativa que é perfectamente evitábel.

