O BNG de Vigo esixe ao PP que deixe de utilizar a Deputación de Pontevedra como “un instrumento partidista” na cidade

Redacción

A fronte nacionalista acusa a vicepresidenta segunda do organismo provincial de empregar recursos públicos como plataforma de promoción política e reclama actualizar o financiamento que recibe a cidade

Xabier P. Igrexas: “Os recursos que recibe Vigo da Deputación non son un agasallo do Partido Popular, son recursos que lle corresponden á maior cidade da provincia e do conxunto da Galiza”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo insta o Partido Popular a deixar de utilizar a Deputación de Pontevedra con fins partidistas e critica o papel desempeñado pola vicepresidenta segunda da institución provincial, Luísa Sánchez, á que acusa de empregar o organismo como “o seu particular trampolín partidista” en Vigo.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou “impresentábel” que Sánchez continúe desenvolvendo unha “estratexia de promoción política” desde a Deputación, utilizando os seus recursos para reforzar a súa proxección como posíbel candidata á Alcaldía de Vigo.

Igrexas censurou que a vicepresidenta provincial pretenda presentar como unha concesión política os investimentos que recibe Vigo.”Non podemos aceptar que a señora Sánchez insista en facer a súa campaña electoral apalancándose na Deputación e utilizando os seus recursos como propaganda partidista”, afirmou.

O portavoz nacionalista subliñou que os fondos provinciais destinados á cidade “non son unha concesión graciosa nin un agasallo do Partido Popular”, senón recursos públicos que lle corresponden a Vigo polo seu peso demográfico e institucional.”Presentar estes investimentos como favores do PP non é máis que unha nova forma do vello caciquismo”, acrecentou.

Máis financiamento en lugar de selfies

O BNG cualificou de “insultante” a actitude do Partido Popular ao pretender apropiarse politicamente dos investimentos realizados pola Deputación e pola Xunta na cidade. Para Igrexas resulta “bochornosa a carreira de selfies da señora Sánchez tentando anotarse medallas co diñeiro de todas e de todos”, chegando incluso, lembrou, “a ameazar coa retirada dos fondos se non lograba fotografarse co alcalde”.

A fronte nacionalista contrapón esta actitude á negativa dos populares a revisar o actual modelo de financiamento provincial. “O único certo é que o Partido Popular rexeita actualizar e incrementar as achegas que reciben Vigo e Pontevedra, conxeladas desde hai anos, mantendo a situación irracional de que existan concellos de menos de 15.000 habitantes que perciben máis financiamento provincial ca as dúas cidades da provincia”, denunciou Igrexas.

A fronte nacionalista ratificouse na súa posición a favor da desaparición das deputacións provinciais por as considerar “un modelo territorial arcaico e alleo á realidade do país”. Con todo, mentres estas institucións continúen existindo, o BNG reclama que actúen con criterios de transparencia, equidade e servizo público.

“O que esiximos é que a Deputación deixe de ser un reduto partidista ao servizo do caciqueo electoralista, como leva facendo o Partido Popular nos últimos tres anos”, concluíu Igrexas.

Comparte este artigo