A fronte nacionalista solicita do Goberno municipal todos os informes e analíticas para coñecer o alcance das verteduras, e pide que aclare se a EDAR está a incumprir a normativa ambiental ao non contar con alimentación enerxética de emerxencia
Xabier P. Igrexas: “Consideramos moi grave o sucedido na EDAR do Lagares polos riscos de contaminación e o impacto na saúde pública”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou hoxe a falta de explicacións do Goberno de Abel Caballero sobre o vertido de augas sen depurar desde a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Lagares durante o apagamento eléctrico do pasado 28 de abril. Este incidente, que levou á prohibición de baño en todos os areais da cidade, motivou que a fronte nacionalista veña de rexistrar formalmente unha solicitude para que o Goberno local esclareza o volume de augas sen depurar vertido, os puntos de vertedura e os niveis de contaminación atinxidos segundo analíticas realizadas desde esa data.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou como “moi grave o sucedido na EDAR polos importantes riscos de contaminación microbiolóxica e química, e polo impacto ambiental e na saúde pública que ten verter augas sen depurar”.
O BNG demanda información precisa sobre o volume de augas potencialmente contaminantes que foronvertidas —que organizacións ecoloxistas estiman en máis de 400 millóns de litros durante as 14 horas do apagamento—, os puntos de vertido, para aclarar se só foi desde o emisario do Lagares ou se produciron “alivios” desde otros puntos da cidade, e os resultados das analíticas realizadas desde o 28 de abril para coñecer os niveis de contaminación atinxidos.
A fronte nacionalista esixe ao executivo de Caballero aclarar se a EDAR incumpre a normativa ambiental ao carecer de sistemas de alimentación eléctrica alternativa ou de emerxencia, unha deficiencia “inxustificábel” nunha instalación de só 6 anos e na que se investironmáis de 200 millóns de euros. Nese sentido,o BNG urxe o Goberno local a adoptar medidas inmediatas para evitar que este tipo de vertidos se repitan, garantindo que a EDAR conte cos recursos técnicos necesarios para operar sen interrupcións, mesmo en situacións de emerxencia como un apagamento eléctrico.
Traslado á Xunta
Aliás, Igrexas anunciou que darán traslado destes feitos a Augas de Galiza e á Consellaría de Medio Ambiente, instando a Xunta a exercer as súas competencias de supervisión e control.
“Non podemos permitir que unha instalación chave como a EDAR do Lagares poña en risco o medio ambiente e a saúde da cidadanía por unha xestión deficiente”, engadiu o portavoz municipal nacionalista, facendo un chamamento á responsabilidade das administracións implicadas.