Denuncia que a súa privatización beneficia unicamente a un fondo de investimentos francés, que xa obtivo 23 millóns de euros en lucros, mentres a área de Vigo soporta un hospital recortado e insuficiente
Xabier P. Igrexas: “Temos que poñer fin ao modelo co que o PP fixo da saúde das viguesas e dos vigueses un lucrativo negocio para empresas privadas”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volveu esixir hoxe o rescate inmediato da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro, xestionado por unha UTE privada en mans dun fondo de investimentos francés, para o converter nun hospital 100% público e axeitado ás necesidades da área de Vigo.
Segundo denunciou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, a privatización imposta pola Xunta do Partido Popular beneficiou exclusivamente á UTE de empresas privadas que construíu e xestiona o hospital, embolsándose 23 millóns de euros en beneficios limpos nos últimos dez anos, mentres o Sergas paga un canon anual de 70 millóns de euros para o seu uso.
Un hospital recortado e insuficiente
O Hospital Álvaro Cunqueiro, inaugurado hai dez anos, foi obxecto de duras críticas polo BNG desde o seu inicio debido aos recortes nas súas instalacións e servizos. “Malia o escandaloso sobrecusto de 470 millóns que o propio Consello de Contas denunciou nun informe oficial, o Hospital Álvaro Cunqueiro segue a ter un 30% menos de camas das inicialmente proxectadas, un 40% menos de quirófanos e 16 mil metros cadrados menos de superficie hospitalaria”, afirmou Igrexas.
Ademais, o hospital carece de dotacións para a formación universitaria e do hotel de pacientes inicialmente previsto, o que limita a súa capacidade para atender as necesidades sanitarias da área de Vigo.
O portavoz municipal nacionalistas subliñou que o modelo privatizador imposto polo PP converteu a saúde da cidadanía nun “lucrativo negocio” para empresas privadas, en detrimento da calidade asistencial. “O Partido Popular castigou a área de Vigo cun hospital recortado, con menores servizos e peor calidade construtiva, que é claramente insuficiente para atender as necesidades dunha poboación adscrita de máis de 600 mil persoas”, denunciou.
Gran negocio privado
O BNG considera “escandaloso” que o hospital, que custou tres veces máis que se fose construído desde o sector público, siga xerando beneficios para privados a costa do diñeiro público.
Esixen a inmediata reversión da concesión para que o Hospital Álvaro Cunqueiro pase a ser xestionado de forma integramente pública, garantindo así unha atención sanitaria de calidade e adecuada ás necesidades da poboación. “Temos que seguir a esixir o rescate desta ruinosa concesión para garantir que a área de Vigo teña un hospital cento por cento público, dotado e dimensionado para atender as necesidades da poboación”, afirmou Igrexas.
A formación nacionalista propón unha reorientación dos recursos públicos para mellorar as instalacións, aumentar o número de camas e quirófanos, e dotar o hospital das infraestruturas necesarias para a formación e a atención integral.
“Temos que poñer fin ao modelo co que o PP fixo da saúde das viguesas e dos vigueses un lucrativo negocio para empresas privadas, non podemos permitir que se siga enchendo os petos privados do fondo Meridiam con ducias de millóns de diñeiro público”, remachou Igrexas.