HomePontevedraO BNG de Vigo esixe que a Xunta rectifique a “estafa” do...

O BNG de Vigo esixe que a Xunta rectifique a “estafa” do CIS Olimpia Valencia: “É un recorte encuberto”

- Anuncio -spot_img

Denuncia o plan do Goberno galego de abrir este novo centro en 2026 -prometido como un reforzo da Atención Primaria- cun 20% menos do persoal previsto, con ningunha nova contratación e retirando os servizos pediátricos de varios centros de saúde da cidade

Xabier P. Igrexas: “Non podemos aceptar que o PP volva castigar Vigo como banco de probas para os seus nefastos experimentos cos que maltrata a sanidade pública”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe que a Xunta de Galiza rectifique o seu modelo para o novo Centro Integral de Saúde (CIS) Olimpia Valencia de Vigo. Diante do anuncio de que vai entrar en funcionamento no primeiro trimestre de 2026, a fronte nacionalista volve advertir de que se trata dunha “estafa” e dun “recorte encuberto” malia ser prometido como un reforzo na Atención Primaria.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, denunciou que o Goberno de Rueda quere abrir este novo centro cun 20% menos do persoal previsto, con ningunha nova contratación e retirando os servizos pediátricos de varios centros de saúde de Vigo. Así, subliñou, a Xunta pretende trasladar 105 profesionais doutros ambulatorios ao CIS Olimpia Valencia, que non vai contar con dotación de persoal propia.

Unha decisión que, a xuízo do Bloque, vai “debilitar e precarizar aínda máis” a Atención Primaria da cidade, que “está xa ao bordo do colapso”. A apertura deste novo centro implica “inxustificadamente” o peche do centro de saúde do Nicolás Peña, a pesar de ter un funcionamento adecuado nestes momentos. Aliás, o plan da Xunta é concentrar nel a atención pediátrica de centros de saúde como Coia e Pintor Colmeiro, comprometendo a continuidade asistencial recomendada pola Organización Mundial da Saúde.

“Precedente moi perigoso”

“Non podemos aceptar que o PP volva castigar Vigo como banco de probas para os seus nefastos experimentos cos que maltrata a sanidade pública”, afirmou Igrexas, advertindo de que estas decisións abren a porta á retirada xeral da pediatría dos centros de saúde e marcan “un precedente moi perigoso” que o PP pode exportar a outras áreas sanitarias.

O portavoz nacionalista lembrou que as viguesas e vigueses “xa padecemos” os recortes e privatización do Hospital Álvaro Cunqueiro, a continuidade do concerto privado con Povisa, a negativa a reforzar a cidade con dous novos Puntos de Atención Continuada (PAC) e unhas listas de agarda “insoportábeis” na Atención Primaria e  hospitalarias. “E agora o PP pretende impoñer na maior cidade de Galiza o mesmo modelo que o Isabel Zendal da madrileña Díaz Ayuso, un novo centro sanitario pero sen dotación de persoal propio nin novas contratacións”, censurou.

Dende o BNG reclamaron por estes motivos unha rectificación inmediata do Goberno galego, na liña dos acordos adoptados polo Pleno do Concello de Vigo o pasado mes de xullo a través dunha moción da fronte nacionalista: o mantemento da actividade do Nicolás Peña, o aumento da dotación de persoal do CIS Olimpia Valencia até o 100% da súa capacidade, a contratación de novas e novos profesionais, a continuidade da atención pediátrica en Coia e Pintor Colmeiro, así como o reforzamento de persoal e medios no conxunto dos centros de saúde de Vigo.

Publicacións Relacionadas