A fronte nacionalista reclama respostas do alcalde polas irregularidades e mentiras constatadas no fallo xudicial sobre a xestión do concerto e do frustrado patrocinio
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero non pode seguir fuxindo deste gravísimo escándalo”
O Bloque Nacionalista Galego esixe que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, dea a cara no Pleno extraordinario convocado este xoves en relación á demoledora sentenza do caso Guns N’ Roses. Así o reclamou horas antes do inicio da sesión o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advertindo ao alcalde que as viguesas e vigueses merecen explicacións.
“O alcalde en primeira persoa, como máximo responsábel municipal, vai ter que dar as respostas que lle leva negando á cidade durante todos estes meses”, avanzou Igrexas sobre o Pleno promovido polos grupos da oposición ante o silencio do rexedor.
O portavoz municipal nacionalista considerou que as graves irregularidades e as mentiras que constata o fallo xudicial deben levar tamén a que o Goberno local asuma responsabilidades, entre elas o cese da concelleira de Contratación, Patricia Rodríguez, pola súa directa implicación na xestión do concerto.
Dende o Bloque lembraron que a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo evidenciou varios feitos de especial gravidade: o Goberno de Caballero convocou un falso concurso público para o patrocinio publicitario do evento, por importe de case 2 millóns de euros de diñeiro público e cunhas bases a medida, cando xa negociara previamente os termos coa promotora.
Así quedou acreditado coa revelación por parte do Bloque dunha carta de interese onde se comprometía esta cantidade, xunto con outras condicións, para a celebración do concerto e que motivou en boa medida a sentenza condenatoria contra o Concello de Vigo. “E tamén constatou como o Goberno de Caballero mentiu descaradamente”, engadiu Igrexas sobre o fallo xudicial.
Afeou a este respecto as acusacións do voceiro socialista, Carlos López Font, asegurando que o BNG pide o pago destes recursos públicos. “Quen comprometeu 2 millóns de euros das viguesas e vigueses foi o Goberno de Abel Caballero, que non pode seguir fuxindo deste gravísimo escándalo malia os seus intentos de tapar este Pleno con outra sesión extraordinaria”, remachou Igrexas.