HomePontevedraO BNG de Vigo esixe reforzar o PAC de Pizarro e crear...

O BNG de Vigo esixe reforzar o PAC de Pizarro e crear dous novos en Navia e Teis para facer fronte ao colapso sanitario

- Anuncio -spot_img

Alerta do desbordamento que se padece na rede sanitaria pública, con máis de 600 pacientes nunha xornada nas urxencias hospitalarias e doentes atendidos en camas nos corredores

Demanda dotar os PAC con atención pediátrica especializada para evitar a sobrecarga do Hospital Álvaro Cunqueiro

Xabier P. Igrexas: “A saturación da Atención Primaria e o colapso das Urxencias evidencian o fracaso do nefasto modelo sanitario do PP en Vigo”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou a grave crise sanitaria que sofre a cidade, unha situación límite que “xa non pode seguir a ser ignorada pola Xunta do Partido Popular”. A saturación da Atención Primaria, con continuas esperas para conseguir cita nos centros de saúde, e o colapso das Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro, que en varias xornadas recentes rexistraron máis de 600 pacientes con doentes atendidos en corredores, evidencian que o actual modelo sanitario está “desbordado e esgotado”.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, sinalou que esta situación non é accidental, senón consecuencia directa das “nefastas políticas do PP”, baseadas en recortes e privatizacións, que converteron Vigo e a súa área na “zona cero da desfeita sanitaria en Galiza”.

Igrexas advertiu de que o Punto de Atención Continuada (PAC) de Pizarro segue sen contar cos medios necesarios para asumir a demanda real de atención continuada e extrahospitalaria. Á sobrecarga estrutural engádense esperas cada vez máis longas, quendas nas que só dúas médicas teñen que atender a toda a poboación. Aliás, criticou a ausencia de servizos imprescindíbeis no PAC, como a atención pediátrica especializada, o que obriga a familias e crianzas a desprazarse ás Urxencias hospitalarias para recibir unha atención que podería e debería prestarse no propio PAC.

Por todo isto, o BNG volveu reclamar con forza a ampliación da capacidade asistencial do PAC de Pizarro, reforzándoo con máis persoal e recursos e incorporando atención pediátrica especializada, co obxectivo de responder ás necesidades reais das familias viguesas.

Ademais, desde a fronte nacionalista volven demandar que Vigo conte con dous novos Puntos de Atención Continuada, un nas contorna de Navia-Coia e outro en Teis. Estes novos PAC, reclamados novamente polo BNG a través das súas emendas aos orzamentos da Xunta para 2026, permitirían dar resposta a unha carga asistencial que se traduce hoxe en centos de persoas agardando durante horas e pacientes amoreados nos corredores das Urxencias hospitalarias pola falla de alternativas extrahospitalarias.

A posta en marcha destes novos centros, cunha dotación adecuada de persoal médico e de enfermaría e con pediatría especializada, permitiría desbloquear a cadea asistencial pública, mellorar a Atención Primaria, alixeirar as Urxencias e garantir dereitos sanitarios básicos a toda a cidadanía.

“Hai que poñer en marcha unha política sanitaria pública que estea á altura das necesidades das viguesas e vigueses e que responda á situación límite que están a vivir tanto as persoas usuarias como as propias profesionais sanitarias.”, esixiu Igrexas.

Publicacións Relacionadas