Demanda un “verdadeiro bono social” logo dun descenso do 70% no número de usuarias da tarxeta social, que exclúe as máis de 12.000 perceptoras do Ingreso Mínimo Vital
Xabier P. Igrexas: “Con menos buses circulando, menos frecuencias, peores horarios e con este mapa de liñas é imposíbel que aumente o uso do autobús”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe un “cambio radical” do bus urbano de Vigo diante da perda de 1,3 millóns de persoas usuarias dende o ano 2019, segundo datos oficiais do Concello. A fronte nacionalista denuncia que esta situación é consecuencia da “precarización continuada” deste servizo esencial, despois do recorte de 250 frecuencias diarias dende a pandemia, da desregulación dos horarios e dun mapa de liñas que tachan de “obsoleto”.
“Con menos buses circulando, con menos frecuencias, con peores horarios e con este mapa de liñas é imposíbel que aumente o uso”, valorou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que considerou que as condicións do servizo de autobús que ofrece o Concello “están moi lonxe de convertelo nunha alternativa real ao coche particular”.
Uns datos “alarmantes” na perda de persoas usuarias que, a xuízo do voceiro nacionalista en Vigo, non se van reverter cos pregos para o novo contrato privatizado que vén de licitar o Goberno municipal, no que non se prevén máis vehículos e persoal condutor nin tampouco un total de quilometraxe superior ao do ano 2019. “Estas condicións impiden recuperar as frecuencias recortadas e mellorar os horarios”, advertiu.
Para o BNG estas cifras do ano 2025 evidencian a urxencia dunha “mudanza radical” para que Vigo conte cun servizo de bus “á altura das necesidades da maior cidade de Galiza”. Así, Igrexas reiterou a demanda formulada no último Pleno municipal para que se suspenda a nova licitación para estudar un modelo de prestación directa do transporte urbano, a través dunha empresa pública municipal, que permita aumentar as frecuencias, mellorar os horarios e deseñar un novo mapa de liñas con participación cidadá.
Descenso “grave” do bono social
O portavoz municipal do Bloque expresou tamén a súa preocupación polo descenso do 70% no número de persoas usuarias (de 106.000 en 2019 a 32.000 en 2025) que utilizan o bono social da Pass Vigo. Unha circunstancia que, asegurou, non se debe a unha redución do empobrecemento na cidade, onde lembrou que máis de 60.000 viguesas e vigueses viven en situación de risco de pobreza ou exclusión, segundo o índice Arope.
Sinalou como causa principal a “exclusión aberrante” do bono social das máis de 12.000 persoas beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital (IMV) en Vigo, que non contan con ningún desconto adicional. “O problema é que o Concello de Vigo insiste en limitar a tarxeta social ás persoas que perciben o subsidio por desemprego ou a Renda Activa de Inserción”, explicou Igrexas.
Bus gratuíto para persoas de baixos recursos
Dende a fronte nacionalista insistiron por este motivo en reclamar a posta en marcha dunha tarxeta “verdadeiramente” social para que o servizo de bus sexa gratuíto para todas as persoas de baixos recursos. Entre elas, piden incluír os veciños e veciñas perceptoras do IMV, as desempregadas e as que están en situación de vulnerabilidade social, que aínda non son beneficiarias de ningunha axuda pública ou a están a tramitar.
“É inexplicábel e indecente esta falla de sensibilidade social por parte de Abel Caballero”, criticou o portavoz municipal do Bloque, lamentando que persoas de baixos recursos, como as perceptoras do IMV, paguen a mesma tarifa de desconto xeral da Pass Vigo “da que se pode beneficiar, por exemplo, os membros do Goberno con dedicación exclusiva con salarios de máis de 70 mil euros”.



