O BNG de Vigo exixe un dispositivo de emerxencia para dar teito ás persoas sen fogar

Redacción
Lectura mínima de 5

Denuncia que, a pesar das falsidades do discurso oficial, máis dunha vintena das persoas desaloxadas da antiga nave de Pescanova a semana pasada continúan na rúa

A fronte nacionalista urxe a Concello e Xunta a actuar para dar alternativas habitacionais dignas e estábeis ás persoas en situación de senfogarismo na cidade

Xabier P. Igrexas: “O mellor antídoto contra o cinismo de dicir que a xente sen fogar está na rúa porque quere sería que o alcalde e o seu goberno pasasen unha soa noite durmindo alí”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG)  denunciou que, oito días despois do desaloxo da antiga nave de Pescanova na rúa Jacinto Benavente, a práctica totalidade das persoas expulsadas continúan en situación de rúa, sen que nin o Concello nin a Xunta lles teñan ofrecido unha alternativa habitacional real.

A fronte nacionalista desmente así o discurso oficial do Goberno municipal, que asegurara ter atendido a todas as persoas afectadas. Segundo trasladou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, “temos constancia de que máis dunha vintena seguen durmindo na rúa, o que evidencia que o Goberno de Caballero mentiu e abandonou a estas persoas á súa sorte”.

Violencia institucional e aporofobia

Igrexas lembrou que o Concello ten a obriga legal de atender as situacións de emerxencia social e criticou con dureza as recentes declaracións “incendiarias” da concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, a quen acusou de “faltar á verdade, criminalizar os colectivos sociais e revitimizar ás persoas máis vulnerábeis con falsidades”.

“O discurso de que quen está na rúa é porque quere é un mantra infame e inaceptábel”, denunciou, advertindo de que en Vigo hai máis de 350 persoas sen fogar —datos oficiais do propio Concello—, cun único albergue municipal de apenas 38 prazas e limitación de 15 días de estancia.

Frente as reiteradas declaracións de Abel Caballero nas que presume que “Vigo é a mellor cidade para vivir”, Igrexas contrapuxo que “diante dos seus ollos, cada día centos de persoas malviven e mesmo malmorren, en rúas, prazas, caixeiros ou choupanos”

Neste sentido, o portavoz nacionalista foi contundente: “O mellor antídoto contra ese cinismo sería que o alcalde e o seu goberno pasasen unha soa noite durmindo na rúa”.

Exixen medidas inmediatas

O BNG anunciou que solicitará información detallada e documentada para esclarecer a xestión realizada polo Concello nesta situación, “con datos oficiais e non con palabras”.

Ademais, avanzou que reclamará ao alcalde a activación inmediata dun dispositivo de emerxencia, similar ao posto en marcha durante a pandemia, para garantir unha solución habitacional ás persoas desaloxadas e ao conxunto de persoas sen fogar que quedan cada día sen praza no albergue.

Igrexas criticou que, malia contar con recursos suficientes —lembrando os 137 millóns de euros sen executar o pasado ano do orzamento municipal—, o Goberno local manteña “unha política aporofóbica que castiga as persoas empobrecidas con violencia institucional”, como evidencia o recorte nun 50% das axudas sociais do Concello desde o ano 2019.

Reclaman implicación da Xunta

A fronte nacionalista tamén exixiu á Xunta de Galiza que deixe de “ollar para outro lado” e exerza as súas competencias en vivenda e política social, poñendo en marcha alternativas dignas e estábeis para as persoas en situación de senfogarismo.

“Recursos hai de sobra tamén na Xunta, como demostra a inexecución de 750 millóns de euros o pasado ano. O que falta é vontade política”, afirmou Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista reclamou unha resposta inmediata por parte de todas as administracións defendendo que “a mellor maneira de humanizarmos Vigo é poñendo as persoas no centro e impedindo que ninguén quede atrás”.

Un saúdo.

Comparte este artigo