Propón a convocatoria extraordinaria da Comisión Informativa de Seguridade para que se dea conta en detalle da actuación municipal e optimizar a resposta ante emerxencias
Pon en valor o traballo dos servizos públicos e o comportamento exemplar da cidadanía
Xabier P. Igrexas: “A experiencia de onte debe servir para fortalecer e mellorar a capacidade de resposta do Concello ante emerxencias”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo propuxo hoxe a realización dunha análise en detalle da resposta do Concello ao apagamento masivo que afectou a cidade o día anterior. Para iso, solicitará ao alcalde a convocatoria dunha sesión extraordinaria da Comisión Informativa de Seguridade, co obxectivo de realizar unha “avaliación construtiva” para examinar as accións emprendidas, detectar puntos de mellora e verificar se o Plan de Emerxencia Municipal foi activado ou non.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou a necesidade de aproveitar esta situación como unha oportunidade de aprendizaxe: “A experiencia de onte debe servir para fortalecer a capacidade de resposta do Concello ante emerxencias”. A iniciativa do BNG é, segundo subliñou o seu portavoz, unha “proposta en positivo” que ten por único obxectivo garantir que o Concello estea mellor preparado para xestionar crises futuras, poñendo o foco na coordinación e na eficacia das medidas adoptadas.
Recoñecemento
Ademais, o BNG destacou o “comportamento exemplar” das viguesas e vigueses, que responderon ao apagamento con “civismo, solidariedade e un gran sentido do colectivo”. A fronte nacionalista tamén expresou o seu agradecemento aos servizos públicos —como bombeiros, persoal sanitario, equipos de emerxencias e forzas de seguridade— e aos traballadores dos sectores esenciais, cuxo esforzo foi fundamental durante a crise.
Este recoñecemento vai acompañado dun chamamento a reforzar estes recursos chave. “O sucedido onte demostrou a importancia de fortalecer o conxunto dos servizos públicos, porque cando todo falla son os que responden, os que atenden e coidan de todas e de todos”, remarcou Igrexas.
Durante o apagamento, o BNG mantivo comunicación co Goberno municipal, ofrecendo desde os primeiros momentos a súa disposición a colaborar e recibindo información sobre as principaismedidas que se despregaron. “Cremos que en momentos críticos é máis necesaria do que nunca a política útil e construtiva e nese camiño sempre atoparán o Bloque Nacionalista Galego”, garantiu o portavoz municipal.