Defende esta fórmula para incorporar vivenda a un parque público de alugueiro social de maneira inmediata e sen custo de adquisición diante do grave problema na cidade
Sinala que Abanca tivo beneficios de 900 millóns de euros en 2025 pero só devolveu o 16% dos 6.200 millóns de diñeiro público cos que foi rescatada
Xabier P. Igrexas: “É momento de reclamar que esta entidade, construída en grande medida sobre o aforro de Vigo, achegue en beneficio da cidade inda que for unha pequena parte destes importantes rendementos”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) insta a Concello de Vigo e Xunta de Galiza a demandar a cesión de uso gratuíta de todos inmóbeis baleiros que ten a entidade Abanca na cidade para os incorporar nun parque público de vivenda en réxime de alugueiro social.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defende que este mecanismo “perfectamente legal” permitiría dispoñer das vivendas de maneira inmediata, sen custo de adquisición para as administracións pero sen renunciar á xestión pública, garantindo así “un uso social dun recurso hoxe improdutivo”.
Unha fórmula que, subliñan dende a fronte nacionalista, xa teñen adoptado outros bancos e a Sareb, con importantes beneficios sociais pero tamén para a propia entidade. A falta de datos oficiais, o Bloque estima que Abanca conta con arredor de 200 vivendas en Vigo, segundo unha análise dos datos contábeis públicos remitidos á CNMV.
Igrexas chama aos Gobernos municipal e galego a promover un acordo con Abanca para a cesión de uso gratuíta destes inmóbeis, que seguirían sendo propiedade da entidade. Unha medida que, destaca, incrementaría no curto prazo un 50% a oferta dispoñíbel para alugueiro na cidade e ademais a prezos accesíbeis para a maioría social, nun contexto de “brutal escalada” onde xa superan os 700 euros mensuais de media e cunha suba acumulada do 30% durante o último lustro.
Beneficios de Abanca e rescate público
Para o portavoz municipal do BNG esta medida busca que Abanca “achegue en beneficio da cidade inda que for unha pequena parte dos importantes rendementos que obtivo” para atender a principal necesidade social na cidade como é o acceso á vivenda.
“Trátase de evitar que esta entidade bancaria, rescatada con inxentes recursos públicos e que foi construída en grande medida sobre o aforro de Vigo, agrave aínda máis a situación delirante de termos moitas casas sen xente ao tempo que cada vez hai máis xente que non se pode permitir unha vivenda”, afirmou.
Sinalou a ese respecto que Abanca vén de declarar beneficios superiores aos 900 millóns de euros no pasado exercicio 2025. Dende o proceso de bancarización e privatización das caixas galegas fusionadas, entre elas a viguesa Caixanova, acumula beneficios totais de 6.539 dende o ano 2014.
Unha entidade que, lembrou Igrexas, foi rescatada con máis de 6.200 millóns de euros do FROB e do Fondo de Garantía de Depósitos, dos que só devolveu 1.000 millóns, un 16% do diñeiro público recibido. “Estamos diante dun exemplo clamoroso e indecente de socialización das perdas e de privatización dos beneficios que temos que reverter”, remachou.



