A fronte nacionalista propón reprobar o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, pola súa nefasta xestión e esixe do Goberno municipal medidas urxentes para paliar as deficiencias e garantir a apertura de todas as instalacións
Demanda a devolución das cotas abonadas polas persoas usuarias dos ximnasios do Carme, O Berbés e Samil, afectadas pola falla de servizo e reclama da Xunta que colabore no financiamento dun Plan de mellora deportiva
Xabier P. Igrexas: “Vigo non pode seguir aturando o desleixo dun Goberno municipal que abandona o deporte. Merecemos instalacións deportivas dignas, á altura da maior cidade de Galiza”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo anunciou hoxe a presentación dunha moción ao vindeiro Pleno do Concello para demandar a fin do “abandono absoluto” que sofren as instalacións deportivas municipais. A fronte nacionalista esixe medidas urxentes para reparar as deficiencias, garantir a apertura das instalacións e elaborar un plan integral de mellora, reprobando ao concelleiro de Deportes, Manel Fernández, pola súa “xestión nefasta”.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que o Goberno de Abel Caballero mantén as instalacións deportivas nunha situación “calamitosa”. Feito que exemplificou en que as pistas de atletismo de Balaídos están en estado ruinoso, o campo da ETEA carece de iluminación, os pavillóns de Navia, Bouzas, Quirós e Travesas presentan problemas estruturais, e a piscina de Teis leva fechada máis de tres anos deixando sen servizo a 1.500 usuarias e usuarios.
Igrexas destacou ademais o “feito inaceptábel” de que os ximnasios do Carme, Berbés e Samil sofran feches continuos, obrigando á veciñanza a pagar cotas sen poder usar as instalacións. “Isto non é só unha mala xestión, é unha falta de respecto á cidadanía”, afirmou.
A causa deste abandono está, para o nacionalista, na redución de máis do 50% do persoal municipal do servizo de Deportes nos últimos 12 anos, pasando de 78 a 36 traballadoras e traballadores municipais. Unha realidade que se engade á crecente privatización que pon os intereses de empresas privadas por riba do servizo público. “Mentres promesas como o campo de béisbol, anunciado en 2016 por Caballero, ou novas instalacións para rugby e baloncesto seguen sen cumprirse, obrigando aos clubs da cidade a competiren fóra de Vigo”, afeou o portavoz.
Reprobación do concelleiro e demanda de solucións
A moción do BNG propón reprobar o concelleiro-delegado de Deportes, Manel Fernández, esixindo unha rectificación inmediata ou o seu cesamento, ante a súa incapacidade para resolver os problemas e dar explicacións, como demostrou co seu silencio ante as interpelacións das nacionalistas na última Comisión Informativa de Deportes.
Tamén demanda medidas urxentes para reparar as deficiencias, garantir a apertura das instalacións e elaborar un plan integral de mellora das instalacións deportivas con orzamento suficiente para modernizar os equipamentos.
O Bloque reclama a devolución das cotas pagadas polas usuarias dos ximnasios afectados e a suspensión do cobro ata que o servizo estea garantido. Ademais, insta á Xunta a colaborar no financiamento das melloras, empezando polo cumprimento do convenio de 2009 para renovar as pistas de atletismo.
“Vigo non pode seguir aturando o desleixo dun Goberno municipal que abandona o deporte. Merecemos instalacións deportivas dignas, á altura da maior cidade de Galiza”, proclamou Igrexas.
O BNG comprométese a seguir loitando para que o deporte vigués reciba o apoio que merece. “Non aceptaremos máis promesas baleiras, esiximos accións xa para recuperar unhas instalacións deportivas á altura do potencial de Vigo”, concluíu o portavoz municipal nacionalista.