O BNG de Vigo levará ao Pleno unha moción de apoio á Folga Xeral do 11 de novembro

Redacción

En resposta ao encarecemento do custo da vida reclama á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado a intervención dos prezos, subas salariais e das pensións e máis vivenda pública para alugueiro accesíbel

A fronte nacionalista esixe tamén que o Concello cumpra os acordos plenarios de marzo de 2024, en relación a medidas para facilitar o acceso social á vivenda, e tramite xa a declaración de Vigo como zona tensionada

Xabier P. Igrexas: “Nin o retroceso co que nos ameaza a dereita reaccionaria e ultraespañolista, nin máis do mesmo. É hora de medidas valentes e firmes en favor dos intereses de maioría social”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo levará ao próximo Pleno municipal unha moción de apoio á Folga Xeral, convocada para o 11 de novembro en Galiza pola Confederación Intersindical Galega (CIG), co impulso dos movementos sociais polo dereito á vivenda. A iniciativa reclama un cambio nas políticas económicas e sociais para facer fronte ao encarecemento do custo da vida, a precariedade laboral e as dificultades de acceso á vivenda.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, alertou de que “a realidade concreta e cotiá que vive a maioría social que representan as clases populares e traballadoras é de emerxencia”. Nese sentido, sinalou que, mentres os prezos soben, os salarios e as pensións perden capacidade adquisitiva e medra a precariedade. “Coa cesta da compra un 35% máis cara, a electricidade e os combustíbeis polas nubes, e o alugueiro en prezos imposíbeis, a pura subsistencia é unha carreira de obstáculos”, advertiu.

Igrexas lembra que en Vigo máis de 60 mil persoas están en risco de pobreza e exclusión social, unha de cada cinco habitantes da cidade. “Son cada vez máis os fogares nos que cada día 15 xa é final de mes”, enfatizou.

Vivenda, salarios e servizos públicos

O BNG considera que as dificultades económicas da maioría social están vinculadas a decisións políticas. “É o resultado directo de políticas que protexen os beneficios da oligarquía empresarial que espolia o noso País e depreda os nosos recursos, mentres empobrecen o pobo traballador”, afirmou Igrexas.

No caso da vivenda, sinalou expresamente a especulación inmobiliaria, o rendismo, a proliferación dos pisos turísticos e a falta de actuación das administracións.

A moción reclama á Xunta do PP e ao Goberno do Estado medidas inmediatas para intervir e controlar os prezos dos bens básicos e da enerxía, crear un parque público de vivenda de alugueiro accesíbel, mobilizando as vivendas baleiras e as da SAREB, e aumentar os salarios e as pensións.

“Non é unha crise, é un novo saqueo, no que mentres uns poucos seguen a obter beneficios record a maioría vese obrigada a apretar o cinto cada vez máis”, denuncia o portavoz municipal nacionalista. “Pretenden que quen pague pague as consecuencias sigan sendo os de sempre: a clase traballadora, a xente moza, os pensionistas ou as persoas autónomas”, remarcou, criticando que o Partido Popular se atreva a pedir a esa maioría aínda “máis sacrificios” mentres onde goberna, a principiar pola Xunta, “lle baixan impostos aos máis ricos e actúan sempre ao servizo dos intereses duns poucos poderosos”.

Demandas ao Goberno municipal

No ámbito municipal, o BNG esixe ao Goberno de Abel Caballero que cumpra os acordos plenarios aprobados en marzo de 2024, por iniciativa nacionalista, para frear o incremento dos alugueiros e facilitar o acceso social á vivenda. A principal demanda é que se tramite “xa” a solicitude para declarar Vigo como zona tensionada do mercado da vivenda.

A iniciativa reclama, ademais, que o Concello garanta o dereito á folga tanto do persoal municipal como das traballadoras e traballadores das empresas concesionarias e contratistas que xestionan servizos públicos municipais.

Igrexas chama a unha participación masiva na convocatoria do 11 de novembro para reclamar condicións de vida dignas, vivenda accesíbel, salarios suficientes, pensións que permitan unha vellez digna e servizos públicos de calidade. “Fronte ao roubo da nosa calidade de vida, non cabe a resignación”, afirma.

“Ese día hai que parar a produción e a actividade económica e encher as rúas reclamando un xiro radical nas políticas económicas e sociais para atender as necesidades da xente”, concluíu.

Comparte este artigo