Demandan a Abel Caballero que explique o motivo e coste do patrocinio dun acto que cualifican de “expresión rancia de militarismo e españolismo”
Xabier P. Igrexas: “Cal é a utilidade pública de patrocinar un evento que só procura a exaltación do exército e da vella ‘España una’ que nega o carácter plurinacional do Estado?”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vai demandar explicacións ao Goberno municipal de Abel Caballero polo patrocinio do Concello de Vigo do acto de “xura civil” da bandeira española, celebrado onte no porto da cidade. No cartel co que se anunciaba o evento, figuraban canda o logotipo da Armada, o da Autoridade Portuaria e o do Concello.
Así o anunciou este domingo o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou o acto, de “expresión rancia de militarismo e españolismo”. “Abel Caballero ten que explicar cal é a utilidade pública de patrocinar un evento que só procura a exaltación do exército e da vella ‘España una’ que nega o carácter plurinacional do Estado”, reclamou. A fronte nacionalista vai demandar que se informe en detalle de en que consistiu ese patrocinio, que custe tivo para as arcas municipais e quen o autorizou.
Para Igrexas este tipo de actos “son máis propios de épocas escuras”. “Que sexa o ministerio de Defensa quen promova este tipo de xuras dá boa conta de a que concepción ideolóxica responden”, reprochou.
Desde o Bloque inscriben tamén este acto na vaga de militarismo e belicismo, no que o propio Goberno español de PSOE-Sumar aposta por incrementar aínda máis o gasto en armas.