A fronte nacionalista defenderá na sesión plenaria do luns a moción elaborada pola Plataforma en apoio á mobilización convocada para o 6 de abril en Compostela
A táboa reivindicativa da marcha demanda “máis atención primaria, máis atención hospitalaria e máis sanidade pública”
Xabier P. Igrexas: “É fundamental unha grande mobilización este 6 de abril para esixirmos que o PP deixe de xogar coa nosa saúde e vida para que as súas empresas amigas fagan negocio”
O Bloque Nacionalista Galego pedirá o apoio do Pleno do Concello de Vigo, convocado para este luns, á manifestación nacional promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro 6 de abril en Santiago de Compostela.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, argumentou que “diante das nefastas políticas sanitarias do Partido Popular que converteron, a golpe de privatizacións e recortes a área de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria é necesario unha resposta enérxica en chave de País para esixirmos unha sanidade cento por cento pública, universal e de calidade”.
Igrexas subliñou que en Vigo e na súa área padécense unhas estruturais e “insoportábeis” listas de agarda, tanto para a realización de intervencións cirúrxicas, probas diagnósticas e mesmo consultas. “É inaceptábel ter que agardar até dúas semanas para lograr cita no teu centro de saúde”, exemplificou.
Aliás, o portavoz municipal nacionalista denunciou a falla de pediatras e a “situación límite” que atravesa o único Punto de Atención Continuada existente na cidade, lembrando que o Partido Popular volveu rexeitar a proposta do BNG de abrir dous novos PAC, nas contornas de Navia-Coia e Teis.
“O sobrecusto de 470 millóns de euros no Hospital Álvaro Cunqueiro, os contratos marco que transfiren ducias de millóns cada ano para derivar pacientes a centros privados, ou o escándalo do contrato singular de Povisa, son a evidencia de que para o Partido Popular a saúde non é un dereito senón apenas un negocio para as súas empresas amigas”, enfatizou.
Desde a fronte nacionalista salientan a “potencia mobilizadora” coa que a cidade de Vigo e a súa área se revolveron contra as políticas sanitarias do Partido Popular, e chamou a levar “esa inmensa forza de dignidade na defensa da sanidade pública” até Compostela, sumando forzas co resto de galegas e galegos, na marcha convocada por SOS Sanidade Pública, que partirá o domingo 6 de abril ás 12h desde a Alameda.
Con ese obxectivo, o BNG defenderá no Pleno a moción elaborada por SOS Sanidade Pública, na que se propón que o Concello exprese o seu apoio ás reivindicacións da plataforma e que o Goberno municipal se implique en difundir esta convocatoria cidadá.
A táboa reivindicativa resúmese en tres grandes eixos. “Máis atención primaria”, dotando os centros de saúde e PAC dos medios necesarios; “Máis atención hospitalaria”, reforzando os servizos dos centros públicos, poñendo fin ás derivacións á privada e actuando para reducir as listas de agarda; e “Máis sanidade pública”, aumentando substancialmente o orzamento sanitario e poñendo en marcha un Plan Galego de Saúde.
“É fundamental unha grande mobilización este 6 de abril para esixirmos que o PP deixe de xogar coa nosa saúde e vida para que as súas empresas amigas fagan negocio”, remachou.