O BNG de Vigo pide a Caballero que deixe de castigar a música viguesa tras o veto a concertos nos quioscos de praia

Redacción

A fronte nacionalista reclama unha regulación estábel para estas actuacións e denuncia o abandono da creación musical local fronte ao investimento millonario en artistas foráneos

Ana Martínez: “O que precisa Vigo non son máis prohibicións nin máis improvisación, senón unha política cultural que respecte ás profesionais da música, apoie o talento local e garanta o dereito da cidadanía a acceder a unha oferta cultural diversa e de calidade”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou este sábado a decisión do Goberno municipal de impedir a celebración de concertos nos quioscos de praia de Vigo en plena tempada estival, cualificándoa como “un novo golpe” para os músicos e músicas da cidade ao se producir cando a programación xa estaba pechada e cos artistas locais comprometidos para actuar.

A concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, criticou que o executivo de Abel Caballero adopte esta decisión en pleno mes de xullo, cando “as bandas locais teñen as datas reservadas precisamente na época do ano na que máis posibilidades teñen de traballar”, e advertiu de que esta actuación evidencia “o absoluto desprezo do Goberno municipal cara ao tecido musical vigués”.

Martínez cuestionou ademais a explicación ofrecida polo Concello, que xustifica a prohibición na falta de autorización dos quioscos para organizar concertos. “Se realmente existía un problema legal, por que non actuou o Concello durante todo o verán pasado? Por que permitiu que este ano os quioscos anunciasen a súa programación durante semanas sen facer ningunha advertencia? E, sobre todo, por que non buscou con tempo unha solución que evitase prexudicar os artistas e as artistas locais?”, preguntou.

Para o BNG, a decisión evidencia unha maneira de gobernar baseada en “prohibir e improvisar”, trasladando as consecuencias da falta de planificación municipal ás persoas profesionais da cultura.

A formación nacionalista considera que este episodio non é un feito illado, senón que responde a unha política continuada de falta de apoio á música feita na cidade. Neste sentido, Ana Martínez lembrou que o Goberno municipal leva anos a dificultar a celebración de concertos en locais de música ao vivo, continúa excluíndo o talento vigués da programación dos concertos de Castrelos e nunca chegou a materializar o festival dedicado aos grupos locais que o alcalde prometeu en reiteradas ocasións. “A realidade é que este goberno municipal despreza todo o que non controla”, resumiu.

Neste sentido, o Bloque estende tamén as súas críticas á Xunta de Galiza e á Deputación de Pontevedra, ás que responsabiliza de manter unha política cultural que tamén ignora a creación musical galega e viguesa, poñendo como exemplo a programación do Galicia Fest recentemente celebrado.

“O desprezo pola música feita aquí é compartido por Concello, Xunta e Deputación. Mentres destinan orzamentos millonarios á contratación de artistas foráneos, continúan dando as costas ás músicas e músicos vigueses, que cada vez teñen máis dificultades para actuar na súa propia cidade”, afirmou Martínez.

Desde a fronte nacionalista reclaman un cambio de rumbo nas políticas culturais municipais para garantir condicións dignas ao sector musical e favorecer unha programación plural e estábel. A este respeito, propoñen que o Concello impulse unha normativa clara que permita regularizar a celebración de pequenos concertos nos quioscos de praia e noutros espazos da cidade, asegurando todas as garantías legais e de convivencia. Ademais, demanda un compromiso efectivo coa creación musical local mediante iniciativas propias, unha maior presenza de artistas vigueses na programación cultural municipal e medidas de apoio ás iniciativas promovidas polo sector.

“O que precisa Vigo non son máis prohibicións nin máis improvisación, senón unha política cultural que respecte ás profesionais da música, apoie o talento local e garanta o dereito da cidadanía a acceder a unha oferta cultural diversa e de calidade”, concluíu Martínez.

Comparte este artigo