Alerta de que o novo contrato elevará un 90% o custe pero sen aumentar frecuencias nin reforzar o servizo con máis buses, nin máis persoal, nin un novo mapa de liñas
A fronte nacionalista reitera a aposta por remunicipalizar o servizo a través dunha empresa pública municipal como xa fixeron outras cidades
Xabier P. Igrexas:“Non podemos permitir é que o único cambio que aplique Caballero no autobús urbano sexa que paguemos máis polo mesmo servizo deficiente e insuficiente”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigoreclamou ao Goberno municipal de Abel Caballero que desista da nova licitación privatizada do servizo de autobús urbano, aínda sen adxudicar, para evitar que “o único que aumente sexan os custes sen mellorar o servizo”.
A fronte nacionalista denuncia que, un ano despois do inicio do proceso de licitación, o Executivo local segue sen explicar por que o novo contrato vai supoñer un incremento de case o 90% no custe anual, pasando de 24 a 45 millóns de euros, sen que iso implique melloras reais na prestación.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advertiu ademais de que este encarecemento terá consecuencias directas nas persoas usuarias, logo de coñecerse no borrador da ordenanza tarifaria que o prezo do billete podería superar os 2 euros para garantir o equilibrio económico do servizo.
Máis custe, mesmo servizo
Igrexas cualificou de “inaceptábel” que se pretenda impor este aumento cando os propios pregos da licitación non contemplan máis autobuses, nin máis persoal condutor, nin incremento de frecuencias, nin melloras nos horarios ou un novo mapa de liñas.
“Estamos ante un modelo que pretende facer pagar máis á cidadanía por practicamente o mesmo servizo, sen capacidade de recuperar as 250 frecuencias diarias suprimidas desde a pandemia nin de corrixir as súas deficiencias”, sinalou o portavoz municipal nacionalista, lembrando a perda de 1,3 millóns de persoas usuarias desde 2019.
Remunicipalización
Igrexas defende que ”estamos aínda a tempo de evitar que se dilapide a grande oportunidade histórica para a cidade que supón a fin da concesión de Vitrasa e non caer no erro de hipotecar Vigo unha década máiscun modelo de bus que non está a altura das necesidades das viguesas e dos vigueses”
Neste sentido, desde o Bloque reiteran a súa proposta de remunicipalizar o servizo mediante unha empresa pública municipal como alternativa para garantir un transporte urbano máis eficaz, accesíbel e adaptado á maior cidade de Galiza.
“O que está en xogo é decidir se queremos un autobús mellor ou simplemente un autobús máis caro”, afirmou Igrexas. “O que non podemos permitir é que o único cambio que aplique Caballero no autobús urbano sexa que paguemos máis polo mesmo”, remachou.

