O BNG de Vigo pide que o proxecto de Biblioteca do Estado deixe de ser o “conto da leiteira”

adminON
Lectura mínima de 4

A fronte nacionalista critica a falta de concreción do ministro de Cultura sobre o proxecto, estancado desde 2007, e demanda un calendario claro e un investimento adecuado

Advirte de que a súa posta en marcha non resolverá todas as necesidades bibliotecarias da cidade e esixe o despregamento da rede municipal en todos os barrios e parroquias

Xabier P. Igrexas: “Fronte ao fume do ministro Urtasun, abanicado por Abel Caballero, desde o BNG esiximos feitos e concrecións e non máis anuncios e promesas sobre a biblioteca do Estado en Vigo”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixiu hoxe que o proxecto da Biblioteca do Estado en Vigo deixe de ser “o conto da leiteira” e se concrete con prazos, dimensións e financiamento definidos, tras 18 anos de anuncios baleiros por parte dos sucesivos gobernos centrais.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou as recentes declaracións do ministro de Cultura, Ernest Urtasun, que non especifican a dimensión, o investimento, as partidas de financiamento nin o prazo de execución do proxecto.

O BNG tamén demanda que o Concello de Vigo, liderado por Abel Caballero, impulse unha rede de bibliotecas municipais para atender as necesidades culturais dos barrios e parroquias, seguindo o exemplo da biblioteca Neira Vilas, creada en 2011 por iniciativa do Bloque.

Moitos anuncios, poucos avances

A Biblioteca do Estado en Vigo, anunciada en 2007, acumula unha longa historia de promesas incumpridas, con 9 ministros diferentes facendo declaracións e até 7 localizacións diferentes propostas polo alcalde Abel Caballero. Nos últimos 18 anos, o proxecto entrou e saíu dos orzamentos xerais do Estado, pero a única partida asignada nos presupostos prorrogados desde 2023 é de apenas 100.000 euros, tras rexeitarse unha emenda do BNG que pedía un mínimo de 1,5 millóns para esa primeira asignación.

“As viguesas e vigueses merecen moito máis que declaracións de boa vontade, como as do ministro Urtasun”, afirmou Igrexas, criticando a falta de concreción en aspectos clave: “cal vai ser a dimensión da futura biblioteca do Estado, cal é o investimento total estimado, a cargo de que partidas se vai financiar tendo en conta a falla de orzamentos e, a máis importante, en que prazo se prevé que poida entrar en funcionamento”.

O BNG considera que a Biblioteca do Estado é un “símbolo da desatención” dos gobernos centrais, tanto do PP como do PSOE, ás necesidades da maior cidade de Galiza. Nese sentido, Igrexas criticou que as declaracións de Urtasun, “abanicadas” por Abel Caballero, non pasen de ser “fume” que perpetúa un “conto da leiteira” sen avances concretos.

Máis bibliotecas

O BNG advirte que, mesmo se a Biblioteca do Estado se materializar, non cubrirá as necesidades bibliotecarias de Vigo. Por iso, a formación esixe o despregamento dunha rede de bibliotecas municipais en todos os barrios e parroquias, seguindo o modelo da biblioteca Neira Vilas do Calvario, impulsada polo BNG en 2011.

“A, aínda hoxehipotética, biblioteca do Estado non vai cubrir as necesidades de dotacións bibliotecarias da nosa cidade, polo que o BNG seguiremos a esixir o despregamento dunha rede de bibliotecas municipais en todos os barrios e parroquias”, afirmou Igrexas.

Comparte este artigo