HomePontevedraO BNG de Vigo pide reforzar os mecanismos de protección para as...

O BNG de Vigo pide reforzar os mecanismos de protección para as traballadoras do SAF na cidade

- Anuncio -spot_img

Urxe a realización de avaliacións de riscos laborais, tamén psicosociais, en todos os servizos como demanda a representación sindical, e a actualización dos protocolos existentes

Insta a Xunta e Concello a actuar e demandará información ao Goberno municipal sobre que medidas se van adoptar no SAF de Vigo

Xabier P. Igrexas: “O sucedido no Porriño ten que marcar un punto e a parte e as administracións responsábeis, tanto Xunta como Concello, deben establecer protocolos claros que eviten que algo así poida suceder”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) instou ás administracións responsábeis, tanto Xunta de Galiza como Concello de Vigo, a reforzar os mecanismos de prevención e protección para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na cidade. Esta chamada á acción xorde tras o recente asasinato dunha traballadora do SAF no Porriño, un tráxico suceso que, para a fronte nacionalista, debe marcar un punto de inflexión na protección destas profesionais.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu que “o sucedido no Porriño ten que marcar un punto e a parte e as administracións responsábeis, tanto Xunta como Concello, deben establecer protocolos claros que eviten que algo así poida suceder”.

Igrexas destacou que  “as traballadoras do SAF veñen denunciando situacións inadmisíbeis nos domicilios, como insinuacións, intentos de agresión (mesmo sexual) e esixencias que nada teñen a ver coa prestación do servizo”. Estas situacións supoñen un risco significativo para as traballadoras, que desenvolven o seu labor soas en domicilios particulares, atendendo a persoas maiores e/ou dependentes, moitas veces con doenzas neurodexenerativas ou patoloxías psiquiátricas.

Reforma estrutural do SAF

O BNG defende a necesidade dunha reforma estrutural do SAF para adaptalo ás necesidades actuais, garantindo mellores condicións laborais e salariais para as traballadoras, así como unha maior protección.

O portavoz municipal do BNG criticou a transferencia de riscos ás traballadoras do SAF, que ademais padecen condicións laborais de extrema precariedade e salarios de miseria. “Xunta e Concello non poden transferir os riscos ás traballadoras do SAF”, declarou Igrexas. En troca, esixiu que ambas as administracións deben actuar para asegurar a integridade física e psicolóxica do persoal do SAF e garantir o estrito respecto dos dereitos laborais e das medidas de prevención e protección da saúde e seguridade laboral.

En relación ao SAF de Vigo, Igrexas reclamou que “é imprescindíbel realizar unha avaliación de riscos laborais, tamén de tipo psicosocial, en todos e cada un dos servizos que se prestan”, como reclama a representación sindical. Ademais, demandou revisar e actualizar os actuais protocolos para abordar as situacións de maior risco.

Inacción municipal

Co obxectivo de reforzar os mecanismos de protección e seguridade laboral das traballadoras do SAF, o BNG dirixirase á concellaría de Política Social para demandar información sobre as medidas que ten previsto adoptar. “O Concello de Vigo, como xestor e licitador da prestación do servizo, debe garantir a seguridade e protección das traballadoras dun servizo tan esencial e sensíbel como o SAF”, concluíu Igrexas.

Publicacións Relacionadas