HomePontevedraO BNG de Vigo pide triplicar a subvención municipal á Feira do...

O BNG de Vigo pide triplicar a subvención municipal á Feira do Libro e un Programa de Animación á Lectura

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista demanda un verdadeiro apoio institucional para reforzar o papel da cidade como capital galega do libro e promocionar o hábito lector

A Feira do Libro de Vigo ten pouco máis da metade das casetas da Coruña na pasada edición e recibe sete veces menos recursos municipais que Valladolid, dun tamaño similar

Xabier P. Igrexas: “A mellor maneira de humanizarmos de verdade Vigo é facilitando o acceso social a todas as manifestacións culturais, a principiar polo libro”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide triplicar a subvención municipal á Feira do Libro de Vigo, cuxa edición vén de comezar este martes. A fronte nacionalista demanda un verdadeiro apoio institucional para converter a cidade na capital galega do libro e propón a posta en marcha dun Programa de Animación á Lectura.

Así o defendeu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, poñendo en valor o papel de Vigo como referente literario, sede dos principais selos editoriais galegos e de grandes autoras e autores. “Foi en Vigo onde se imprimiu un 17 de maio de 1863 o Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, obra chave no rexurdir das nosas letras”, salientou.

Dende o Bloque lamentaron que ese potencial da cidade non se corresponda cos recursos públicos tanto da Xunta de Galiza, a quen acusan de “virar as costas ao libro e ao sector editorial”, así como do Goberno local por “negarse a facer unha verdadeira aposta” nesta materia.

Lembrou Igrexas a ese respecto que Vigo conta só cunha biblioteca municipal, a Neira Vilas impulsada polo BNG dende a concellaría de Cultura, e no seu lugar unicamente se abriron nos últimos 14 anos “salas de lecturas” nas que non hai ningún libro. “A mellor maneira de humanizarmos de verdade a cidade é facilitando o acceso social a todas as manifestacións culturais, nomeadamente o libro como porta de entrada”, subliñou.

O portavoz municipal nacionalista demandou por estes motivos triplicar a subvención do Concello á Feira do Libro, que é de apenas 15.000 euros, para “dimensionala” á altura da maior cidade de Galiza. “A pesar dos enormes esforzos do sector libreiro, con máis atrancos que axudas, vemos como continúa sen desenvolver todo o seu enorme potencial”, lamentou Igrexas, que acudiu esta mañá ao acto de apertura da Feira na Alameda, co pregón de Branca Trigo, e visitou as súas casetas acompañado polo concelleiro Filipe Abalde.

Malia o aumento de casetas na edición deste ano, a Feira do Libro de Vigo iniciou este martes con pouco máis da metade de casetas (21) que na pasada edición na Coruña (38). E comparada con cidades do Estado de tamaño similar, como Valladolid, a axuda municipal é sete veces menor no caso vigués.

Animación á lectura

Outra das iniciativas anunciadas pola fronte nacionalista é a posta en marcha dun “ambicioso” Programa Municipal de Animación á Lectura, para o que propoñen destinar 100.000 euros. “É imprescindíbel desenvolver un programa estábel e descentralizado, con ampla variedade de actividades para promocionar, alargar e consolidar o hábito lector”, defendeu Igrexas, pedindo que se conte coa colaboración doutras institucións, entidades asociativas e do tecido literario e editorial da cidade.

“A cultura é unha necesidade social e un dereito público, porque sen cultura non pode haber cidadanía e sen cidadanía non temos cidade”, valorou o voceiro do Bloque, citando as palabras de Celso Emilio Ferreiro de que “os libros son a nosa liberdade, a nosa arma contra a escuridade da ignorancia”. “No contexto actual fan máis falla do que nunca”, remachou Igrexas.

Publicacións Relacionadas