Home Pontevedra O BNG de Vigo pide un Centro de Reparacións Navais na antiga...

O BNG de Vigo pide un Centro de Reparacións Navais na antiga Vulcano en lugar de ampliar a terminal de contedores

0
1

Advirte de que a fin da concesión de estaleiros San Enrique que prevé a Autoridade Portuaria non pode significar a desaparición do sector naval das instalacións centenarias de Teis

Xabier P. Igrexas: “Para o noso futuro industrial é irrenunciábel blindar o sector naval, sendo  innegociábel que esa parcela continúe destinada á construción e reparación de buques”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda un Centro de Reparacións Navais da Ría de Vigo nas instalacións da desaparecida Factorías Vulcano. Diante da eventual resolución este venres da concesión de estaleiros San Enrique, a fronte nacionalista oponse á que a Autoridade Portuaria destine esta parcela a usos comerciais para ampliar a terminal de contedores.

“Se ben o desenvolvemento dese proxecto empresarial non logrou o nivel de actividade necesario, baixo ningún concepto a finalización desta concesión pode supoñer a desaparición do sector naval dos estaleiros de Teis con 107 anos de historia”, afirmou o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas. Así o defendeu tamén o BNG nas súas alegacións á nova delimitación de Espazos e Usos Portuarios, das que non recibiu resposta oficial.

Igrexas asegurou que as instalacións actuais reúnen as “condicións necesarias” para poñer en marcha o Centro de Reparacións Navais da Ría de Vigo. Unha proposta que, lembrou, é unha histórica reclamación destinada a fortalecer este sector “estratéxico” para a cidade e a súa área que “continúa no caixón pola falla de impulso” das diferentes Administracións Públicas, en particular da Xunta de Galiza. A medida foi obxecto de reiteradas emendas nacionalistas aos Orzamentos galegos nos últimos anos, sempre coa negativa do PP.

Intervención pública

Dende o Bloque manifestaron a necesidade dunha “enérxica” intervención pública en cooperación co tecido empresarial diante da “incapacidade manifesta do capital privado” para desenvolver as potencialidades do naval en Vigo. Unha demanda que, a xuízo da fronte nacionalista, permitiría “diversificar o sector, asentar actividade e reter o coñecemento e enorme capacidade profesional” nun contexto no que a carga de traballo na construción naval segue a ser “insuficiente”.

“Para o futuro industrial da cidade é irrenunciábel e estratéxico blindar o sector naval, para o que consideramos innegociábel que esa parcela continúe a destinarse á construción e reparación de buques”, esixiu o portavoz municipal en relación á eventual fin da concesión de estaleiros San Enrique en Teis.

Ofensiva institucional

O BNG asegurou que se vai dirixir de inmediato ao presidente da Autoridade Portuaria para reclamar que se continúe a actividade naval nas instalación da antiga Vulcano. Nese obxectivo, anunciou unha “ofensiva institucional” a nivel municipal, galego e estatal para que as administracións “abandonen o seu silencio cómplice” diante do que consideran a “antesala dunha operación escura” para converter o estaleiro nunha extensión da terminal de contedores.

“A aposta do BNG é clara: facer que Vigo volva ser o potente pulmón industrial e produtivo de Galiza, e iso só será posíbel cun sector naval que volva ser potencia, creando riqueza e emprego digno”, defendeu Igrexas, quen alertou da urxencia de poñer freo á “crecente desertización industrial” que provocou a desaparición de case 7.000 empregos industriais dende a chegada do PP á Xunta no ano 2009.