HomePontevedraO BNG de Vigo pide un Plan de Impulso do Comercio Local...

O BNG de Vigo pide un Plan de Impulso do Comercio Local ante o peche do 16% dos negocios dende 2019

- Anuncio -spot_img

O Bloque critica a falla de apoio do Goberno municipal a este sector “vital”, que non recibiu ningunha liña de axudas pola pandemia nin durante a crise da inflación

Chama a reunir a Mesa Local de Comercio, que leva unha década sen convocar

Xabier P. Igrexas: “Esta situación do pequeno e mediano comercio é resultado tamén dunha política comercial que aposta por grandes superficies en favor das multinacionais”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide medidas do Concello de Vigo para frear a desaparición do tecido comercial de proximidade, despois do peche de máis de 1.200 comercios no último lustro, un 16% do total. A fronte nacionalista reitera a súa proposta de poñer en marcha un Plan de Impulso do Comercio Local diante da falla de apoio do Goberno municipal a este sector durante os últimos anos.

Así o defendeu este xoves o portavoz do BNG no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, demandando aprobar este plan, cunha dotación mínima de 350.000 euros, para contribuír a dinamizar un sector que cualificou de “vital” para o futuro de Vigo. “O pequeno e mediano comercio vertebra a cidade, dinamiza os nosos barrios e parroquias e crea emprego estábel e con dereitos”, subliñou.

Esta medida, lembrou Igrexas, foi proposta polo propio Bloque en reiteradas ocasións, a última nas emendas nacionalistas aos Orzamentos Municipais para este ano 2025. “A resposta de Abel Caballero sempre foi non, sen dar ningunha explicación”, afeou. Na mesma liña, chamou a reunir “dunha vez por todas” a Mesa Local de Comercio, após unha década sen ser convocada.

Falla de apoio do Goberno local

O portavoz municipal do BNG responsabilizou desta situación ao Goberno local por non ter facilitado ningunha medida de apoio ao tecido comercial durante os últimos anos. Así, Vigo foi o único dos grandes concellos galegos que non despregou ningunha liña de axudas para enfrontar os efectos da pandemia, nin tampouco para estimular o consumo durante a crise provocada pola alza da inflación.

“É hora xa de que Caballero deixe de virarlle as costas ao comercio vigués e de que se aposte con decisión por brindarlle unha axuda que necesita”, reclamou Igrexas. Criticou nese sentido a aposta do Goberno local polas grandes superficies que, alertou, “desertiza o tecido comercial de proximidade en favor dos intereses de multinacionais”.

Moratoria de grandes superficies e ‘Amazon vigués’

A ese respecto, Igrexas volveu propoñer unha moratoria de dez anos para novas licenzas de grandes superficies comerciais, declarando Vigo como cidade saturada, e demandou un axuste das taxas e impostos municipais para que aumente a achega destas áreas comerciais fronte aos pequenos e medianos negocios.

Outro das tarefas pendentes, a xuízo da fronte nacionalista, é poñer en marcha unha plataforma de venda en liña para permitir que os comercios de proximidade compitan no actual contexto. “O Amazon vigués anunciado polo alcalde en abril de 2020 quedou nunha promesa incumprida máis”, denunciou o portavoz do BNG de Vigo.

Publicacións Relacionadas