Denuncia a deterioración deste espazo por causa do “desleixo e falla de xestión” do Goberno municipal no mantemento dos espazos públicos en todos os barrios e parroquias
Xabier P. Igrexas: “O único que lle preocupa a Abel Caballero son as inauguracións”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia o “total abandono” da praza da Independencia de Vigo. A fronte nacionalista vén de realizar unha acción simbólica, precintando algúns dos numerosos elementos deteriorados que presenta este espazo, para facer visíbel o “desleixo e falla de xestión” do Goberno de municipal co mantemento dos espazos públicos.
“É claro que o único que lle preocupa a Abel Caballero son as inauguracións de novos espazos”, lamentou durante a acción o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acompañado do concelleiro Filipe Abalde e da deputada e responsábel local, Carmela González, xunto con militancia e veciñanza da praza da Independencia.
Igrexas afeou o mal estado desta praza que, subliñou, foi un emblema das políticas que permitiron avanzar cara a democratización do espazo público e cara a unha cidade máis habitábel, por impulso dun Goberno local liderado polo Bloque. “Non ten ningún tipo de xustificación cando o Concello de Vigo deixa cada ano sen gastar 100 millóns de euros do orzamento municipal, entre eles ducias de miles das partidas para mantemento”, valorou.
A praza da Independencia presenta evidentes danos nas súas zonas axardinadas, con táboas rotas, falla de limpeza e con alcorques de árbores que invaden e levantan o firme, entre outras eivas. Deficiencias que, advertiron dende a fronte nacionalista, supoñen importantes riscos para a seguranza nun ámbito que é utilizado todos os días por persoas maiores e por crianzas como un grande espazo de convivencia.
“O que merecen as veciñas e veciños da praza da Independencia, o que merecen as viguesas e vigueses, é un Concello que atenda todos os días do ano a todos os barrios e parroquias”, defendeu o portavoz municipal do BNG, quen alertou de que esta desatención da praza da Independencia se estende polo conxunto da cidade con rúas e espazos públicos sen o mantemento adecuado.
O Bloque volveu demandar así que o Concello arranxe no inmediato as deficiencias que presenta a praza da Independencia. E reiterou a necesidade de despregar medidas como o ‘Plan Cidade’ proposto polas nacionalistas e rexeitado polo Goberno de Caballero, con investimentos destinados a actuar para poñer fin ao estado ruinoso e de abandono dos espazos públicos nos diferentes barrios e parroquias de Vigo.