HomePontevedraO BNG de Vigo presenta 198 emendas con participación veciñal fronte aos...

O BNG de Vigo presenta 198 emendas con participación veciñal fronte aos orzamentos “máis do mesmo” de Caballero para 2026

- Anuncio -spot_img

Formula propostas para unha cidade socialmente xusta e igualitaria, habitábel e verde, e con medidas para reforzar as políticas de vivenda, cultura, deporte e para a mocidade

Defende un “xiro de 180 graos” nas contas municipais por importe de case 31 millóns

Xabier P. Igrexas: “Son a expresión económica de que si hai alternativa para construír un novo Vigo, entre todas e para todos, co proxecto transformador e en positivo do BNG”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de presentar este mércores unha batería de 198 emendas parciais aos Orzamentos do Concello de Vigo para o vindeiro ano 2026. A fronte nacionalista elaborou estas alternativas a través dun proceso participativo, recollendo achegas do tecido asociativo e da veciñanza fronte ao proxecto de contas do Goberno de Abel Caballero, que tachou de “máis do mesmo”.

“Estas emendas son a expresión económica da alternativa política do BNG para facer que Vigo avance cun novo impulso”, subliñou en rolda de prensa o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, asegurando que as propostas nacionalistas son “a demostración de que si hai alternativa” na cidade fronte a un Goberno local “instalado na inercia” e a un PP que “non ten nada que lle ofrecer á cidade”.

As 198 emendas do Bloque buscan un “xiro de 180 graos” nas contas municipais do vindeiro ano, por importe de 31 millóns de euros, apostando por unha cidade socialmente xusta e igualitaria, habitábel e verde, con medidas para reforzar as políticas de vivenda, cultura, deporte e para a mocidade. “É momento de construír un novo Vigo, entre todas e para todos, co proxecto transformador e en positivo do BNG”, destacou Igrexas.

“Os cartos do Concello non son de Caballero”

O portavoz municipal nacionalista defendeu que os recursos económicos do Concello “son de todas as viguesas e vigueses e non de Abel Caballero”, criticando que o alcalde elaborara os orzamentos, un novo exercicio, en “réxime de monólogo xordo, sen dialogar con ninguén”. Contrapuxo esta situación co proceso de consulta aberto polo Bloque para incorporar nas súas emendas propostas do tecido asociativo e da veciñanza.

A ese respecto, puxo en valor a importancia dos presupostos municipais, “moito máis que números”, por ser o documento que define as necesidades que se van a atender, os investimentos que se van realizar e os servizos que se van prestar. “O proxecto do Goberno evidencia como Caballero fica encastelado no seu palacio de cristal, de costas á realidade que vivimos as viguesas e vigueses”, lamentou Igrexas.

O voceiro nacionalista cuestionou, entre outras cuestións, o recorte de case un 50% nas axudas sociais municipais dende 2020, a pesar de que unha de cada cinco persoas na cidade está en risco de exclusión social e pobreza. No mesmo período, criticou, o gasto no “parque temático” de Nadal disparouse nun 151% até os 4 millóns de euros, catro veces máis do que vai destinar ao Plan Municipal de Emprego.

Afeou ademais a “inexecución olímpica” do Goberno local, que este ano estima vai volver superar os 100 millóns de euros, malia as “numerosas necesidades desatendidas”, os servizos públicos “insuficientes” e o “evidente abandono” dos barrios e parroquias. “Amosa a falla de xestión dun goberno reducido a autobombo e propaganda”.

198 emendas para un novo Vigo

Dende o BNG destacaron algunhas das principais propostas das 198 emendas formuladas. Entre elas, propoñen duplicar a partida das axudas sociais municipais (de 1,3 a 2,6 millóns), aumentar o Plan Municipal de Emprego (até os 3 millóns) e medidas para atender o grave problema da vivenda como un Plan Facilitador do Alugueiro (3 millóns), un programa de alternativas habitacionais para persoas en risco de desafiuzamento (1,5 millóns) e dotar de máis recursos a futura Empresa Municipal de Vivenda (até 5 millóns).

En materia de políticas feministas, a fronte nacionalista aposta por convertelas nunha “prioridade municipal”, incrementando as partidas en máis de 1,2 millóns para reforzar o do Plan de Igualdade, as campañas contra a violencia machista (ás que só se destinan 3 mil euros), a posta en marcha dun Plan de Apoio aos Coidados, un Programa de apoio a mulleres en situación de violencia machista, a prometida Estratexia Local para a abolición da prostitución e a creación de dous novos puntos de información ás mulleres.

Cidade máis habitábel e verde

Outro dos focos das propostas do Bloque buscan que Vigo sexa unha “cidade máis habitábel e moito máis verde”. Nese obxectivo, chaman a poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias cun incremento do plan de mantemento de beirarrúas; despregando o que denominan como ‘Plan Cidade’, cunha partida de 2 millóns incrementada posteriormente con remanentes; un programa piloto de orzamentos participativos; e investindo 450 mil euros para accións específicas nos cascos históricos da cidade.

No capítulo de medio ambiente, as nacionalistas propoñen un Plan municipal de resposta á emerxencia climática; a creación do prometido Anel Verde nos montes e máis recursos para o mantemento dos parques forestais; a creación dunha Oficina Municipal de Enerxía, o despregamento de sendas públicas no litoral e un Plan de promoción e protección do arboredo “que garde dunha vez por todas a motoserra do alcalde leñador”.

Para o BNG unha cidade máis habitábel precisa tamén de “máis e mellores servizos públicos”, polo que piden mellorar o transporte colectivo, a creación dunha empresa pública municipal de servizos e a elaboración dun estudo para remunicipalizar o autobús urbano, a auga, a recollida do lixo ou o mantemento dos parques e xardíns. “Para poñer fin ao feito de que 2 de cada 3 euros do orzamento do Concello vaian parar aos petos de contratas e empresas concesionarias”, explicou o portavoz municipal.

Máis cultura, deporte e políticas para a mocidade

Igrexas asegurou que o “desgoberno” de Abel Caballero “castigou” con especial incidencia a tres ámbitos que para as nacionalistas son de “vital importancia”: a cultura, o deporte e as políticas para a mocidade.

En materia cultural, as emendas do Bloque recollen proxectos como converter unha abandonada factoría de pinturas na Fábrica Cultural de Teis, dotar de máis recursos a rede museística, recuperar programas como Vigo a Escena ou o MoveVigo, poñer en marcha unha grande Semana da Literatura en Vigo, novos festivais internacionais de Teatro, Folk e música galega, e un ambicioso programa de residencias artísticas.

Igrexas defendeu tamén que o Concello sexa un axente activo en favor da plena normalización da lingua galega. Nese camiño, defendeu a necesidade dun Programa de promoción do galego, que o Concello se reincorpore na Rede Apego ou que se cree un distintivo para promocionar os estabelecementos comerciais que utilizan o galego.

No ámbito deportivo, o Bloque pide deixar atrás a “nefasta xestión” dos últimos anos cun aumento de case 1,4 millóns de euros nos recursos para a mellora das instalacións deportivas, que aseguran están nun “estado lamentábel”, avanzar na reforma integral da pista de atletismo, dotar a cidade dun campo de béisbol e outro de rugby, e mellorar as escolas deportivas municipais.

A fronte nacionalista fai especial fincapé na necesidade de volver situar Vigo como un referente nas políticas xuvenís, despois do peche de proxectos como o Súbete ó Castro, o Punto Xove, o recorte en Vigosónico ou na Casa da Xuventude. “As mozas e mozos merecen moito máis que un alcalde meme que se viraliza tentando bailar break dance”, ironizou, defendendo políticas que permitan á mocidade emprender o seu proxecto de vida con medidas concretas para facilitar o acceso á vivenda e ao emprego.

“Vagancia e ignorancia” das emendas do PP

O portavoz municipal do BNG referiuse tamén ás emendas presentadas polo PP, asegurando que as propostas populares demostran “unha absoluta ignorancia”, criticando que pretendan financiar partidas a cargo de remanentes cando non é posíbel legalmente até que se aprobe o orzamento de 2026 e a conta xeral do exercicio anterior.

“Alguén que como a señora Luísa Sánchez presumía onte de rigor e capacidade de xestión e que di querer ser alcaldesa non pode rexistrar unhas emendas que demostran que nin ela nin o seu grupo municipal teñen a máis mínima idea do que son os remanentes nin de como funciona un orzamento”, reprochou, asegurando que non se trata dunha “cuestión técnica”, senón dunha “evidencia de que o PP de Vigo é unha casca baleira, sen contido, nin dirección”.

Publicacións Relacionadas