Denuncia a cada vez máis dura “carreira de obstáculos” para acceder a unha vivenda de alugueiro, con esixencias ilegais e situacións de discriminación e acoso inmobiliario
Defende que o Concello asuma avais e seguros, e poña en marcha unha liña de crédito sen xuros para anticipar as fianzas, como medidas para facilitar o alugueiro da mocidade e das persoas de menores ingresos
A fronte nacionalista reclama tamén un servizo gratuíto de asesoramento xurídico e mediación para protexer as persoas inquilinas
Xabier P. Igrexas: “O Concello de Vigo ten que exercer de parapeto social para protexer a xente; é hora de poñer freo aos abusos e garantir o dereito á vivenda”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo anunciou este venres que proporá no próximo Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo a posta en marcha de dúas medidas para facilitar o acceso ao alugueiro e protexer as persoas inquilinas fronte aos abusos inmobiliarios na cidade: un Programa de Garantía Municipal para o Alugueiro e unha Oficina de Promoción e Apoio ao Alugueiro.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, alerta de que á emerxencia habitacional que padece Vigo, marcada polos prezos imposíbeis e a falla de oferta estrangulada polos pisos turísticos, se suma unha “espiral indecente de abusos” para poder acceder a unha vivenda.
Entre as prácticas denunciadas figuran a esixencia de avais bancarios de ata 12 mensualidades, seguros de impago, peticións ilegais de vidas laborais, fianzas superiores ás permitidas, cláusulas abusivas e casos de discriminación contra a poboación máis vulnerábel e racializada.
“Trátase dunha situación insoportábel que converte un dereito fundamental nun luxo inasumíbel para a maioría social, especialmente para a mocidade e as familias traballadoras”, advirte Igrexas, que denuncia a “inacción cómplice” da Xunta do PP e do Goberno municipal de Abel Caballero. O portavoz nacionalista lembra que o Executivo local nin sequera cumpriu os acordos en materia de vivenda aprobados polo Pleno do Concello en marzo de 2024 a iniciativa do BNG.
Programa de garantía municipal
Diante desta situación, a primeira proposta da fronte nacionalista consiste en crear un Programa de Garantía Municipal para o Alugueiro, co que o Concello asumiría directamente os avais e seguros que actualmente dificultan o acceso a unha vivenda. A iniciativa incluiría tamén unha liña de axudas para anticipar as fianzas, permitindo a súa devolución en 24 meses e sen xuros.
A medida estaría dirixida tanto á mocidade como ás persoas con baixos recursos, co obxectivo de reducir as barreiras económicas que impiden acceder a un contrato de alugueiro. Igrexas defende que o Concello dispón de capacidade financeira para impulsar estas axudas directas, ao contar con máis de 200 millóns de euros en remanentes.
Oficina público contra os abusos
A segunda medida é a creación inmediata no Concello dunha Oficina de Promoción e Apoio ao Alugueiro, un servizo público e gratuíto que ofrecería asesoramento xurídico, información sobre axudas e mediación. A súa finalidade sería proporcionar acompañamento ás persoas inquilinas e ferramentas para defender os seus dereitos fronte ás cláusulas abusivas, a discriminación e o acoso inmobiliario.
Desde o BNG defenden que o Concello debe actuar con firmeza para impedir que as dificultades económicas e os abusos no mercado deixen fóra do acceso á vivenda a cada vez máis persoas. “Non podemos permitir que un dereito fundamental como é o acceso á vivenda continúe a estar truncado pola cobiza e polo abuso duns poucos”, afirma Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista reclama que Vigo exerza un papel activo na protección da maioría social e converta o acceso á vivenda nun dereito efectivo. “O Concello de Vigo ten que exercer de parapeto social para protexer a xente. É hora de poñer freo aos abusos e garantir que ter unha vivenda digno sexa un dereito efectivo e para todas e todos na nosa cidade”, remachou.

