HomePontevedraO BNG de Vigo propón destinar máis de 2 millóns do remanente...

O BNG de Vigo propón destinar máis de 2 millóns do remanente de Urbanismo a reforzar políticas de vivenda

- Anuncio -spot_img

Presenta emendas á modificación orzamentaria da Xerencia de Urbanismo para que se utilice a totalidade dos seus remanentes

A fronte nacionalista propón a creación dun programa de alternativas habitacionais, un plan facilitador do alugueiro, impulso ao cooperativismo de alugueiro e unha oficina municipal de dereito á vivenda

Xabier P. Igrexas: “En Vigo non pode ser un privilexio ter unha vivenda, ten que ser un dereito garantido para todas as viguesas e vigueses”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo anunciou hoxe a presentación dun paquete de emendas á modificación orzamentaria da Xerencia de Urbanismo para destinar a totalidade do seu remanente a reforzar as políticas públicas de vivenda, mobilizando máis de 2 millóns de euros adicionais.

A iniciativa enmárcase nun contexto que o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “grave emerxencia habitacional”. “Cada vez é máis difícil e moito máis caro acceder a unha vivenda, especialmente para a xente nova e para as familias con menos recursos”, advertiu, reclamando que o Concello “mobilice todos os recursos e capacidades dos que dispón para garantir un dereito básico: poder vivir na propia cidade”.

Medidas concretas

Entre as propostas do BNG figura a creación dun programa municipal de alternativas habitacionais, dotado con 550 mil euros, para atender persoas en situación de vulnerabilidade. Igrexas lembrou que en Vigo se producen de media tres desafiuzamentos cada semana e defendeu que “ningún desafiuzamento pode producirse sen unha alternativa digna na cidade”.

A fronte nacionalista propón tamén un plan facilitador do alugueiro, cunha dotación de 1,25 millóns de euros, destinado a axudar ás persoas con menos recursos e as menores de 35 anos a afrontaren fianzas, avais e outras garantías mediante préstamos sen xuros a 24 meses.

O paquete complétase cunha liña de 200 mil euros para impulsar o cooperativismo de vivenda en alugueiro, unha fórmula que, segundo explicou Igrexas, “xa demostrou ser eficaz para facilitar alugueiros máis económicos en territorios como Cataluña ou Dinamarca”.

Ademais, o BNG defende a creación dunha Oficina municipal do Dereito á Vivenda, orientada a ofrecer información, apoio e asesoramento legal ás persoas inquilinas e a quen busca vivenda, co obxectivo de previr abusos e situacións de discriminación.

Pasar das promesas aos feitos

Igrexas resumiu a proposta como unha aposta por “pasar dos anuncios ás solucións, das promesas aos feitos”, empregando os recursos públicos para dar resposta a un dos principais problemas sociais da cidade. “En Vigo non pode ser un privilexio ter unha vivenda. Ten que ser un dereito garantido para todas as viguesas e vigueses”, remachou.

O portavoz municipal nacionalista acudirá, acompañado por outros cargos e representantes do BNG, mañá sábado 21 de marzo á manifestación convocada na cidade por diferentes colectivos e organizacións sociais artellados na Alianza pola Vivenda. Baixo o lema “Vigo polo dereito a teito”, a marcha partirá ás 6 da tarde desde a praza dos Cabalos. 

Publicacións Relacionadas