HomePontevedraO BNG de Vigo propón mobilizar 61 millóns máis dos remanentes para...

O BNG de Vigo propón mobilizar 61 millóns máis dos remanentes para reforzar as políticas sociais, vivenda e a atención dos barrios e parroquias

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista critica a falla de ambición da modificación orzamentaria elaborada por Caballero, que só quere destinar 11 millóns a investimentos xa previstos, e rexistra 172 emendas

Lembra que os remanentes “non son aforro” senón o resultado da falla de xestión dun goberno reducido a propaganda

Xabier P. Igrexas: “Do que se trata é de utilizar os remanentes municipais para devolverlle á veciñanza o que é da veciñanza, atendendo as necesidades reais das viguesas e dos vigueses”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG)  reclamou hoxe “moita máis ambición” na utilización dos remanentes municipais e anunciou o rexistro de 172 emendas á modificación orzamentaria presentada polo Goberno local co obxectivo de mobilizar case 61 millóns de euros adicionais para atender “as necesidades reais da cidade”.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que o executivo de Abel Caballero pretenda mobilizar apenas 11 millóns de euros dos remanentes, destinados fundamentalmente a investimentos que xa estaban previstos, nomeadamente actuacións de humanización. “Os remanentes municipais non son aforro”, advertiu Igrexas, que os definiu como “o resultado da falla de xestión dun goberno reducido á propaganda: anuncios que non se executaron, promesas incumpridas e necesidades da cidade que continúan desatendidas”.

Política social e vivenda

Entre as principais propostas do BNG figura reforzar con decisión as políticas sociais, duplicando as axudas municipais para persoas empobrecidas e ampliando os recursos municipais para atender situacións de vulnerabilidade que afectan cada vez a máis familias na cidade.

Outro dos eixos centrais das emendas é a vivenda. O Bloque propón dotar con 20 millóns de euros adicionais a futura Empresa Municipal de Vivenda, co obxectivo de que se converta nun instrumento útil para afrontar a emerxencia habitacional e “non fique reducida a un logotipo”. “Detrás da crise da vivenda hai historias reais de mozas e mozos que non poden independizarse, familias que non chegan a fin de mes ou persoas que viven coa incerteza de poder perder o seu fogar”, sinalou o portavoz nacionalista.

No ámbito económico, o BNG aposta por triplicar os recursos do Plan Municipal de Emprego e impulsar programas de apoio ao comercio de proximidade, á economía social e aos sectores produtivos estratéxicos.

Sustentabilidade e barrios

O paquete de emendas da fronte nacionalista inclúe tamén medidas para reforzar as políticas ambientais, como a proposta de destinar 1 millón de euros ao proxecto “Montes de Vigo 2046”, promovido polas propias comunidades de montes e orientado á recuperación ecolóxica, á prevención de incendios e á posta en valor social e ambiental do “verdadeiro pulmón verde da cidade”.

Con todo, Igrexas destacou especialmente a proposta da posta en marcha do PLAN CIDADE, cunha dotación inicial de 15 millóns de euros, para poñer fin ao abandono que padecen os barrios e parroquias. O plan permitiría acometer actuacións de mellora do espazo público, mantemento urbano, humanizacións e novos equipamentos de proximidade. “Trátase de garantir algo moi simple: que Vigo avance de maneira equilibrada e que non existan barrios de primeira e de segunda”, afirmou.

As emendas nacionalistas tamén contemplan máis recursos para ámbitos como a cultura, o deporte, a mocidade e as políticas feministas, incluíndo multiplicar por oito a dotación destinada ao desenvolvemento do novo Plan de Igualdade.

“Do que se trata é de utilizar os remanentes municipais para devolverlle á veciñanza o que é da veciñanza”, concluíu Igrexas. “Máis políticas sociais, máis vivenda pública, máis emprego e máis investimento nos barrios para construír un Vigo socialmente máis xusto, máis sustentábel e con mellores condicións de vida para todas as viguesas e vigueses”, remachou.

Publicacións Relacionadas